Galgo. A beleza da fraxilidade, exposición de Víctor Arufe Giráldez

Galgo. A beleza da fraxilidade,
exposición fotográfica de Víctor Arufe Giráldez.
do 26 de xaneiro ao 28 de febreiro, no Recuncho de lectura da Biblioteca.

“Son as fotografías de Victor Arufe unha documentación sobre a vida dos galgos. Amósanse co carácter didáctico de quen se implica honestamente nun mundo que fai seu e que quere partillar. Tan seu que aparece un certo carácter de humanización dos cánidos a través da técnica do retrato por unha banda, cun esforzo importante en descifrar o xeito de sentir de cada can, e pola outra da reportaxe que quere ensinar o xeito de vida e as relacións cotiás con outros conxéneres. Prescinde intencionadamente da presencia humana, que tan só se adiviña nos reflexos das pupilas e pouco máis, e localiza as súas tomas en contornas naturais onde area e auga centran a interese nos modelos e a súa actividade favorita, a carreira.
Os desenfoques selectivos e a limpeza das imaxes nos achegan aos individuos, mentres que o uso de obxetivos máis longos e as grandes velocidades de obturación que permite as condicións de iluminación (e a tecnoloxía dixital) transmiten todo o dinamismo que os caracteriza. Noutras ocasións apóiase na edición dixital, que lle facilita amosarmos os seus frecuentes momentos de descanso” (Xacobe Meléndrez Fassbender).

A mostra inaugúrase o 26 de xaneiro ás 12.30 no Recuncho de lectura da Biblioteca, onde se poderá visitar ata finais de febreiro.  Contará coa presencia do autor, que virá acompanhado de Khaleessi, a súa galga, nunha proposta educativa de sensibilización de cara á protección e contra o maltrato de galgas e galgos. Tamén nos acompañará unha persoa voluntaria da asciación SOSgalgos, que nos falará da función que eles realizan.

Os galgos son frecuentemente maltratados e abandonados, entre febreiro e xuño un 30% dos animais recollidos por asociacións son galgos. A razón é que moitos cazadores os utilizan e despois, se non obteñen os rendementos esperados e xan non lles son útis, os maltratan, ás veces incluso ata a morte. Trátase dunha práctica moi común, especialmente nalgunhas comunidades como Castilla-La Macha, Castilla-León, Andalucía ou Extremadura, para a que non existe unha protección e seguemento por parte das autoridades, nin hai control das crueldades ás que son sometidos. A asociación SOSgalgos fala na súa web de que cada ano, en España, “ decenas de miles de galgos son aforcados, tirados a pozos e gavias”.

No ámbito profesional, Víctor Arufe é doctor en Ciencias da Actividade Física e o Deporte pola Universidad de A Coruña. É  editor xefe da Revista Científica Sportis Scientific Technical Journal e organiza e participa en numerosos congresos nacionais e internacionais. Ten un blog, “Educación, innovación y empredimiento” no que analiza a situación actual do ensino e publica reflexións persoais sobre aspectos relacionados coa educación, a infancia, as TICs ou deporte.