Exposicións de maio

Comezamos o mes de maio con duas interesantes exposicións na Biblioteca.

IMG_20150505_084716Coincidindo e colaborando coas xornadas do festival Marea alta na nosa Facultade, entre o 4 e o 7 de maio, teremos na Biblioteca algunha das obras de Xosé Manuel Barros Hermida, da asociación Mar de fábula. Xosé Manuel traballa con crebas, refugallo que nos devolve o mar, e que transforma en fermosos barcos e no que el denomina “criaturas caóticas”. Case podemos navegar no Norah Crane, no Titan ou no Costa dos mosquitos… ou lembrar a Humphrey Bogart e Katharine Hepburn no African Queen.

Con motivo destas xornadas, nas nosas peceiras de creatividade temos unha mostra sobre a contaminación dos océanos e a poesía do mar.

E no noso Recuncho de lectura, tamén temos cambio de exposición. Nesta ocasión será Teresa Candal quen nos encha a sala de arte e de cor. Teresa é licenciada en Belas artes pola Universidade de Vigo, ten realizado numerosas exposicións de pintura, ademais é deseñadora gráfica e conta con formación en Arteterapia, cun postgrado realizado en Barcelona e o ciclo superior en Madrid. A cor domina nas súas obras, que en moitas ocasións a leva a abstración. Xoga con textos, dialogando con grandes autoras e autores, como Rosalía de Castro ou Cortázar, como podemos ver nalgunhas das obras aquí expostas. Nesta ocasión, Teresa, preséntanos unha serie de acuarelas, algunhas delas pertencen a unha homenaxe a Rosalía, un grande traballo.

Podesdes ver a súa exposición a partir do 7 de maio ata finais de xuño.