Michael W Apple Doutor Honoris causa pola UDC

IMG_20150313_125637Michael W. Apple naceu no ano 1942 en Patterson, New Jersey, USA.  Exerceu como mestre en escolas locais. Actualmente é profesor na Universidade de Wisconsin Madison, unha universidade pública dos Estados Unidos. Ten un número importante de publicacións – libros e artigos de revistas- das que  vos ofrecemos unha listaxe.

Considérase unha persoa moi política, fondamente comprometida coa transformación educativa e social. A pregunta De quen é o coñecemento que se está a ensinar nas escolas? é a clave do traballo da súa vida. (entrevista do profesor Jurjo Torres Santomé na revista Cuadernos de Pedagogía, nº 275, decembro de 1998).

Nesa mesma entrevista conta que a orixe deste compromiso está na súa infancia. A cidade onde naceu era unha das máis pobres dos Estados Unidos e alí coñeceu loitas sindicais e antirracistas. Na  súa propia familia había activistas e a escola  onde estudaba tiña un importante número de alumnado afroamericano e,  en xeral,  de clase traballadora inmigrante, polo que logo se decatou do valor da loita política.

O feito de vir dunha familia de impresores e traballar él mesmo na imprenta , onde se  vía como algo consustancial a relación entre o traballo de impresor co  da alfabetización, foi algo que o levou a ser profesor.

Na súa edade adulta, este compromiso levouno a implicarse activamente: indo ao Sur para abrir escolas que pecharan grupos racistas e sendo presidente de un sindicato de profesorado.

Este ano, a Universidade da Coruña vaino facer Doutor Honoris Causa.  Que sexa un educador quen recibe tal distintivo fai que nos sintamos orgullosas/os nós tamén,  quer coma membros da Facultade de Ciencias da Educación , quer  coma cidadás e cidadáns que confían na educación como “unha arma de futuro”. O seu padriño, nesta ocasión é Jurjo Torres Santomé, profesor doutor da UDC.

Nós unímonos a esta homenaxe cunha mostra sobre a súa obra nas nosas peceiras de creatividade. Asi mesmo deixamos unha relación coas obras que temos no catálogo escritas por el ou que falan sobre el, e unha bibliografía sobre Apple.