Libros de artista de Manuel Silvetre Visa

 

© Xacobe Meléndrez Fassbender

Nas “peceiras de creatividade” da nosa Biblioteca podedes ver ata mediados de novembro a exposición “O libro de artista: espazo de creación plástica” de Manuel Silvetre Visa.

Manuel Silvetre é doutor en Belas artes e catedrático da Facultade de Belas Artes da Universitat Politécnica de Valencia. Ten unha extensa traxectoria no mundo da arte, como pintor e gravador, sendo a súa especialidade a serigrafía. Ten realizadas máis de vinte exposicións individuais tanto en España como fóra do país, así como participado en numerosas mostras colectiva. A súa obra atópase en distintas institucións como as universidades de Chile, Nacional de México, Politécnica de Valencia, Murcia; o Palau de la Música de Valencia, a Biblioteca Nacional, Diputación de Valencia ou Fundación Max Aub, entre outras.

Nesta mostra, Silvestre, nos presenta unha serie de libros de artista traballados con distintas técnicas: collage, serigrafía, xilografía e acrílico, nos que xoga coas letras, as tipografías, descompoñéndoas en formas xeométricas. Noutros dialoga con poetas como Miguel Hernández ou Hans Raimund.

O libro, como espazo de creación para o artista, é un soporte de pequenas dimensións pero cun amplo e denso percorrido. Pola súa estrutura, supón un reto ao ter que representar un conxunto de imaxes fragmentadas polo encadre de cada páxina, e á súa vez, entrelazadas nunha unidade de espazo-tempo. 
O libro nace e medra como un proxecto unitario, como un obxecto concibido e narrado en toda a súa extensión e profundidade. Un territorio onde experimentar con diversos procedementos, un xogo discursivo entre a palabra e a imaxe, establecendo unha particular simbiose entre ambas. 
O pintor e gravador Manuel Silvestre, presenta un conxunto de libros de artista onde a imaxe faise presente en cada unha das páxinas. Case todas pezas únicas nas que intervén co propósito de xerar un discurso formal no que experimenta con elementos gráficos directos: manchas, maculaturas, máscaras, tipografías,  papeis e imaxes recortados e encolados. 
Son obras mudas que transcenden o contido literario  -do mesmo xeito que os poemas visuais de Joan Brossa-  pois van máis aló do simple impacto visual en busca dunha terceira dimensión, o que provoca unha chiscadela gráfica que busca a complicidade do espectador. (Manuel Silvestre)