EXPOSICIÓN DE ISABEL PINTADO

IMG_20151007_121719 (1)Cambio de mes e renovamos exposición no Recuncho de lectura e nas peceiras de creatividade. Durante os meses outubro e novembro podedes vir e coñecer a obra dunha grande artista, Isabel Pintado, licenciada en Belas artes pola Universidad Complutense de Madrid, profesora de pintura e gravado en varias institucións (Museo de Belas Artes da Coruña ou MAC, entre outros), ilustradora, colaboradora en espectáculos teatrais facéndose cargo da escenografía e atrezzo (Pisados Botamán de Melide ou Snakizados, de Gustavo Pernas), realiza ademáis instalacións artística, pintura en seda, etc. Acadou numerosos premios e bolsas artísticas.

A obra que presenta na nosa Biblioteca xira en torno ao libro. No recuncho de lectura hai unha pequena mostra dalgunhas das súas pinturas en papel. E nas peceiras de creatividade unha selección de libros intervidos, nos que podemos atopar poemarios de Eva Veiga, Miguel Anxo Fernán Vello, Francisco X. Fernández Naval, Yolanda Castaño, Antonio Gamoneda, Diana Varela Puñal…, cos que dialoga con debuxos e sedas.