Exposición fotográfica “Futillos” de Xacobe Meléndrez Fassbender

cartace9pDende o 17 de outubro pódese ver no Recuncho de lectura a exposición “Futillos”, de Xacobe Meléndrez Fassbender.  “Futillos” é como lle chaman en Guatemala ao futbolín. Esta  serie é unha homenaxe ao inventor deste xogo, Alexandre de Fisterra, apelido tomado do nome do seu pobo. “Os matracos” ou “matraquiños”, como lles chaman en Portugal, son un xogo que tivo moita relevancia na xuventude de moitas xeracións… marcaba, e ainda o fai, retos, primeiros contactos, amizades, discusións, canalizaba enerxía…
Alejandro Rodríquez Campos (o seu nome de nacemento) foi republicano persequido e exiliado en moitos países: Francia, Ecuador, Guatemala… pero sobre todo en México, onde coñeceu ao poeta León Felipe, do que foi amigo e editor. Foi un grande axitador social na sombra, e como poeta deixou dous versos que se repetiron nas suas necolóxicas e que nos achegan ao seu perfil inconformista, os mesmos que inspiraron estas fotografias:Xacobe Meléndrez Fassbender

“…estais ahí muertos
como si fueseis a vivir toda la vida
Alexandre de Fisterra (1919-2007)

 A exposición fotográfica compleméntase cunha mostra sobre Alexandre de Fisterra nas vitrinas da entrada.

Exposición de Castrolara no Recuncho de lectura

20160414_090050Durante os meses de maio e xuño temos no Recuncho de lectura a exposición de pintura Luces en lugar de sombras, de Nieves Castro Lara.
Artista cordobesa que actualmente reside en Betanzos, onde imparte clases de pintura e gravado. Licenciada en bioloxía pola Universidad de Córdoba, despois de dous anos de investigación na universidade, cambia de papel para dedicarse profesionalmente á arte. Para ela as súas paixóns son a pintura, a ciencia e a escrita. Artista autodidacta, tivo contacto coa pintura dende moi nena, no estudo do seu pai. Fórmase nas técnicas de gravado na Fundación Ciec, realizando o Mestrado de Obra gráfica. Ten impartido obradoiros de distintas técnicas artísticas en diferentes institucións, e realizado exposicións individuais e colectivas.

Castrolara móvese entre a figura e a abstracción, enchendo esta última as súas obras máis recentes. Na obra figurativa recurre á muller e á natureza, que cada vez máis se despoxa de liñas e contornas, deixando só a mancha de cor, a impronta dunha estampa de luz.

Luces en lugar de sombras é unha selección de obras en papel e lenzo, na abstracción total, nas que utiliza técnica mixta, óleo, collage e xilografía, sendo a luz quen todo invade, nun equilibrio perfecto entre a emoción e a expresión a base de cores. Só un pequeño esbozo, na sombra, dunha árbore, do que a gubia labrou alguna vez na táboa, e que hoxe agarda intervida con fortes pinceladas. Esta ausencia de representación nos leva a un diálogo coa obra unicamente sensorial.

EXPOSICIÓN DE ISABEL PINTADO

IMG_20151007_121719 (1)Cambio de mes e renovamos exposición no Recuncho de lectura e nas peceiras de creatividade. Durante os meses outubro e novembro podedes vir e coñecer a obra dunha grande artista, Isabel Pintado, licenciada en Belas artes pola Universidad Complutense de Madrid, profesora de pintura e gravado en varias institucións (Museo de Belas Artes da Coruña ou MAC, entre outros), ilustradora, colaboradora en espectáculos teatrais facéndose cargo da escenografía e atrezzo (Pisados Botamán de Melide ou Snakizados, de Gustavo Pernas), realiza ademáis instalacións artística, pintura en seda, etc. Acadou numerosos premios e bolsas artísticas.

A obra que presenta na nosa Biblioteca xira en torno ao libro. No recuncho de lectura hai unha pequena mostra dalgunhas das súas pinturas en papel. E nas peceiras de creatividade unha selección de libros intervidos, nos que podemos atopar poemarios de Eva Veiga, Miguel Anxo Fernán Vello, Francisco X. Fernández Naval, Yolanda Castaño, Antonio Gamoneda, Diana Varela Puñal…, cos que dialoga con debuxos e sedas.

Exposicións de maio

Comezamos o mes de maio con duas interesantes exposicións na Biblioteca.

IMG_20150505_084716Coincidindo e colaborando coas xornadas do festival Marea alta na nosa Facultade, entre o 4 e o 7 de maio, teremos na Biblioteca algunha das obras de Xosé Manuel Barros Hermida, da asociación Mar de fábula. Xosé Manuel traballa con crebas, refugallo que nos devolve o mar, e que transforma en fermosos barcos e no que el denomina “criaturas caóticas”. Case podemos navegar no Norah Crane, no Titan ou no Costa dos mosquitos… ou lembrar a Humphrey Bogart e Katharine Hepburn no African Queen.

Con motivo destas xornadas, nas nosas peceiras de creatividade temos unha mostra sobre a contaminación dos océanos e a poesía do mar.

E no noso Recuncho de lectura, tamén temos cambio de exposición. Nesta ocasión será Teresa Candal quen nos encha a sala de arte e de cor. Teresa é licenciada en Belas artes pola Universidade de Vigo, ten realizado numerosas exposicións de pintura, ademais é deseñadora gráfica e conta con formación en Arteterapia, cun postgrado realizado en Barcelona e o ciclo superior en Madrid. A cor domina nas súas obras, que en moitas ocasións a leva a abstración. Xoga con textos, dialogando con grandes autoras e autores, como Rosalía de Castro ou Cortázar, como podemos ver nalgunhas das obras aquí expostas. Nesta ocasión, Teresa, preséntanos unha serie de acuarelas, algunhas delas pertencen a unha homenaxe a Rosalía, un grande traballo.

Podesdes ver a súa exposición a partir do 7 de maio ata finais de xuño.

Esperando os deuses en Chanquillo

Esperando a los Dioses Universidade (1)pA partir do xoves 11 de marzo e ata o 30 de abril podedes visitar no Recuncho de lectura da nosa Biblioteca a exposición Esperando os deuses en Chanquillo, de Gustavo García Roig. Trátase dunha fotoreportaxe sobre o observatorio astronómico máis antigo de América, construído hai 2.300 anos, en Chankillo (Perú), polo pobo Mochica. Gustavo trasládase Chankillo, pero a ese tempo mochica no que os deuses indicaban o camiño e déxase guiar por Quilli e Inti, escoita a voz do Curaca, transfórmase en mochica e o resulatdo son estas marabillosas fotografías.

Puidemos contar coa presencia de Gustavo García Roig que nos falou deste observatorio, da cultura mochica, da súa viaxe e da realización desta reportaxe. O Recuncho estaba cheo. Queremos agradecer a Roberto Suárez Brandariz que se achegara cunha boa parte do seu alumnado.

Gustavo déixanos un texto que el escribíu e que foir traducido ao galego por Francisco X. Fernández Naval.

Comapartimos tamén este video publicado na revista Palavracomun con imaxes da súa exposición na Coruña o ano pasado.

ALLIN HAMUSKA / BENVIDOS

Cando?: do 5 de marzo ao 30 de abril.
Inauguración, día 5 ás 11 horas, coas presencia do autor.
Onde?: Recuncho de lectura da Biblioteca

?????????? ?????????? ?????????? ??????????

TROULAS, AS OUTRAS ORLAS

TROULAS DEFTROULAS, AS OUTRAS ORLAS

Exposición das orlas realizadas polo alumnado das promocións do Mestrado Universitario en profesorado de ensino secundario, no Itinerario de artes plásticas e visuais. A mostra está coordinada polo profesor Roberto Suárez Brandariz.

Troula: no argot dos afiadores ourensáns “mentira”. Esta exposición quere mostrar as interpretacións que os alumnos do Mestrado de Ensino Secundario fan da orla da súa promoción. Utilizando os elementos básicos: imaxe dos seus compoñentes, os seus nomes, o texto que define os seus estudos e o ano da promoción, pero dun xeito non convencional (Roberto Suárez Brandariz).


???????????????????????????????

???????????????????????????????

Ao alumnado formulóuselle o reto de expresarse dun modo orixinal empregando un medio tan anodinamente convencional como adoita ser unha ORLA, e aquí están os resultados.

A exposición pode verse no Recuncho de lectura e nas Peceiras de creatividade da Biblioteca durante todo o mes de febreiro.

 

 

Exposición de pintura na Biblioteca: Carlos Botana

cartacecarlosbotanaDurante os meses de novembro e decembro podedes visitar a exposición de pintura de Carlos Botana. No recuncho de lectura da Biblioteca.
Dez obras realizadas con acrílico sobre papel, nas que, como é habitual na obra do artista, o mar e os seus habitantes son os protagonistas.
Carlos Botana é un grande creador galego, e un dos mailartistas máis activos na comunidade internacional.

Deixamos aquí unhas imaxes da mostra na Biblioteca.
IMG_20141112_143518 IMG_20141112_143537 IMG_20141112_143548

Exposición de gravados de Miriam Rodrigues

cartacemiriampDurante os meses de setembro e outubro podedes visitar no bos Recuncho de lectura a exposición de gravados da artista portuguesa Miriam Rodrigues.

Miriam desenvolve a súa actividade artística na cidade do Porto, no atelier Inkprint group. Deseñadora e artista, especialista en gravado, ten participado en numerosas exposicións e proxectos internacionais (Galicia, París, Xapón, Holanda…).

A súa obra xira en torno á arbore “são abrigo,
alimento, são papel“, a natureza e a música.

Nesta mostra preséntanse 7 pezas, 6 realizadas en técnica calcográfica (augaforte e augatinta) e unha en linóleo. Nelas utiliza ademáis gofrados, iluminación con acuarela e aplicación de dourados. Todas sobre papel feito a man.

É esta a terceira exposición individual de artistas portuguesas (Renata Carneiro, Teresa Pedroso e Miriam Rodrigues) realizada na nosa Biblioteca, coa intención de dar a coñecer a obra os xeitos de crear noutros países, e neste caso, nunha cultura tan próxima.

Exposición de Juan Sebastián Carnero no Recuncho de lectura.

Durante todo o mes de xuño podemos ver unha exposicón cunha selección de xilografías do artista arxentino Juan Sebastián Carnero.
Juan Sebastián Carnero naceu en Arxentina, en Buenos Aires, e alí é onde reside actualmente, máis Sebastián tamén é un  pouco galego, xa que o seu bisavó era da nosa terra. É profesor titular de gravado na Escola de Belas Artes Lola Mora de Buenos Aires, ensina ademáis pintura e gravado no seu taller Cromática e en escolas de primaria e secundaria, ilustrador, exlibista e deseñador. O título de Profesor Nacional de gravado obtívoo na Universidad de Lomas (Zamora) e ademáis é licenciado en artes visuais polo instituto Nacional de Arte (UNA). Traballou ademáis catro anos nunha empresa de xestión de cor, no que tamén é especialista, algo ben presente nalgunhas das súas obras nas que pode haber impresas hasta 10 tintas diferentes. Obtivo numerosos premios e mencións nacionais pola súa obra.
Ten exposto, ademáis de no seu país, en París, Rusia, Portugal, España, Dinamarca, China, México, Uruguay, etc.
A Xilografía é unha técnica de gravado que permite, mediante incisións nunha matriz de madeira, crear imaxes que despois de entintadas se poderán estampar noutro soporte, habitualmente papel, creando así unha obra de arte seriada, unha edición múltiple numerada.

Exposición “A imaxe e a palabra”

Enmarcado no Proxecto “Mulleres na viaxe”, Begoña Bas e Patricia Carballal organizan co alumnado de Medio Histórico e Xeográfico de Galicia e a súa Didáctica (3º de Infantil e 4º de Primaria), e  o de  Lingua e Literatura Castelá e a súa Didáctica (2º de primaria), a exposición  “A imaxe e a palabra”, que se poderá visitar no Recuncho de lectura ta o 15 de maio. A idea é partir da figura de Ruth Matilda Anderson (como muller, fotógrafa, investigadora e que nos deixou un extraordinario testemuño sobre a realidade social da Galicia dos anos ’20) para realizar lecturas polisémicas dende os enfoques que as diferentes materias nos proporcionan e tamén dende as nosas lecturas máis persoais traballando coas emocións.
A experiencia parte do visionado das fotos polo alumnado de Medio histórico e xeográfico, que deben poñer palabras ao que isto lles suxire. As fotos coas palabras “viaxan” ate o alumnado de 2º Primaria (Lingua e literatura) que fan textos de creación literaria. Estes “regresan” aos primeiros que seleccionarán o que máis lle guste de todos os escritos sobre a foto que ten adxudicada. Estes textos son os que se expoñen, xunto coas palabras e as fotos. Ao final, haberá premio ao mellor texto e ás mellores palabras.
En síntese, unha actividade na que as fotografías nos suxiren cuestións e emocións que traducimos en textos e que expoñemos.
Como complemento, nas Peceras de creatividade da biblioteca podedes ver unha pequena mostra sobre a figura de Ruth Matilda Anderson enmarcada dentro daquelas mulleres vaixeiras que visitaron Galicia no século pasado, deixando unha forte pegada na súa obra. Así, ademáis de Ruth Matilda, lembramos a Annette Meakin, Nina Epton e Alejandra Pizarnik.
Ruth Matida Anderson (Cottonwood Farm, Nebraska, 1893-1983), fotógrafa, viaxa por Galicia acompañada do seu pai nos anos 1924-1926 e recolle as súas vivencia nun libro, Pontevedra and La Coruña (New York, 1939), ademáis de en numerosa fotografías realizadas durante a viaxe. Sobre ela hai moito escrito, e hai unha interesante tese de Noemí Espinosa Fernández (universidad Castilla La Mancha) na que nos fala desta viaxe.
Annete Meakin (Inglaterra, 1876-1959) viaxa por Galicia en 1908, queda abraiada coa paisaxe, as xentes e os naufraxios da Costa da Morte. De feito, ata non hai moito, mencionábase a esta muller inglesa como quen lle deu o nome de “Costa da morte”. Publicou o libro Galicia, the Switzerland of Spain, 1909. Traducido por Rebeca Quintáns: Galicia inédita, 1994.
Nina Epton, de quen descoñecemos data de nacemento e morte, aínda que sí sabemos que naceu en Londres e que era escritora, viaxa por Galicia en 1953. Chega en barco, en terceira, compartindo pasaxe con todos os emigrantes que se dirixían a América, percorre gran parte da Galicia rural e mariñeira en bus e a pé, fai grandes amigos entre os intelectuais galegos, sendo Francisco Fernández del Riego quen traducirá ao galego a súa obra , Grapes and granite (1956), Uvas e granito (unha viaxe por Galicia) en1993.
Tamén a escritora arxentina Alejandra Pizarnik (Avellaneda, 1936-1972) viaxou a Galicia. Foi no ano 1963 e da súa viaxe nos quedan algúns textos entre os que deixou co título Escrito en España (1963) e que serían publicados en 2002 dentro da obra Prosa completa. Polo que lemos nela parece qeu só visitou as cidades de Santiago de Compostela e A Coruña, sendo a primeira a que máis lle impresionou.

Dentro do proxecto “Mulleres na viaxe”, subvencionado pola Comisión de Cultura da Facultade de Ciencias da Educación,  se inclúen ademáis desta exposición do Recuncho, co obxectivo de coñecer, nas aulas, as fotografías de RMA e analizar a súa obra, outras actividades como:
1. Encontro coa profesora e alumnas da ESO do IES Neira Vilas de Oleiros nas que elas nos dan a coñecer as súas experiencias de traballo de historias de vida coas súas familias. Xa realizada.
2. Conferencia de X.R. Barreiro sobre as mulleres viaxeiras en Galicia. Xa celebrada.
3. Exposición “A foto para pensar” que montaremos no espazo do andar 0, a próxima semana e que consistirá en realización de materiais didácticos, textos e materiais de creación. Autores: Medio Histórico e Xeográfico de Galicia e a súa Didáctica (3º de Infantil e 4º de Primaria).