Encontro literario con Francisco X. Fernández Naval

O xoves, 19 de xuño, ás 18 horas, terá lugar, no Recuncho de lectura da Biblioteca, un encontro literario con Francisco X. Fernández Naval, con quen os compoñentes do Clube de lectura Nébeda debatirán a cerca dos contos de Julio Cortázar. Fernández Naval é un grande coñecedor da obra de Cortázar, sobre a que traballa continuamente, e da que ten publicadas varias obras.Escribíu Respirar polo idioma: os galegos e Cortázar (Linteo, 2006), no que analiza a relación de Cortázar con Galicia, o seu matrimonio con Aurora Bernárdez, a amizade con moitos dos galeguistas exiliados en Arxentina ou en París, “os galegos” que aparecen na súa obra… Está a piques de publicar outro libro sobre Cortázar, e recentemente acaba de sacar a tradución dun dos seus contos, A autoestrada do sur (Trifolium, 2014). Se alguén que non sexa do clube quere asistir que contacte co persoal da biblioteca. Máis información en http://nebedaclubelectura.wordpress.com.
Con motivo da lectura de Cortázar, nas nosas “peceiras de creatividade” temos unha mostra sobre o autor e o seu mundo, con algunhas das súas obras, outras escritas sobre el e obxectos que fan referencia aos contos ou aos seus gustos. Podédela ver durante todo o mes de xuño.

“Adios María” de Xohana Torres e a emigración

Nas nosas peceras de creatividade temos unha exposición relacionada coa lectura da novela “Adiós María”, de Xohana Torres, que se está a ler no noso Clube de lectura e encontros literarios. A emigración é un tema moi presente nesta obra, polo que tamén aparece referenciada nas obras expostas, que nos levan a unha reflexión: “eu tamén podo ser emigrante, e tí, podes ser emigrante?.

Aquí podedes ver a listaxe das obras expostas.

NÉBEDA Clube de lectura e encontros literarios

imaxe: Raul Lieberwirth “readingontheroof”
A Biblioteca da Facultade de Ciencias da Educación comeza o seu Clube de lectura e encontros literarios “Nébeda”, con “Adios María” de Xohana Torres. Coordinan o clube María Gutiérrez Calvete e Inma Doval Porto, bibliotecarias. O Clube está aberto a toda a comunidade universitaria, que deberá anotarse no enderezo mdoval@udc.es. Trátase dun Clube virtual, a través do blogue, no que todas e todos os que participan poderán comentar a obra durante a súa lectura, se ben cada lectura contará cun encontro literario cun escritor ou escritora con quen se debatirá sobre a mesma. O primeiro encontro será con Dores Tembrás, escritora,  a finais do mes de abril no que falaremos sobre a obra “Adios María”. Paralelamente levaremos a cabo un Cineclube, con películas, curtas ou documentais relacionados coa obra, moderado por Juan José Bueno Aguilar, profesor da facultade. O Clube conta coa colaboración de Patricia Carballal Miñán e Iria Sobrino Freire, profesoras do centro,  e Francisco X. Fernández Naval, escritor.