Achegarse á historia través do cine

Moitas veces non é doado para os mestres e mestras comunicar o gusto pola nosa historia, por todos os acontecementos que son parte do noso pasado pero que marcan o presente. Os rapaces e rapazas adoitan pensar que a historia é só iso, pasado, e que xa nada ten que ver con eles e coa sua cotidianeidade. O cine é unha gran ferramenta para achegarmos á historia, como a moitos outros aspectos da vida e da educación. Así o entende Manuel González, profesor de historia  no IES Concepción Arenal de Ferrol, que dende hai anos prepara contidos educativos coa idea de que sexan máis atractivos para a xente nova, e que nesa liña leva colgados máis de 1200 videos en youtube, para iso, para ensinar a historia ao seu alumnado.

Os videos de Cliphistoria teñen dous protagonistas, a historia e o cine, xa que utiliza clipes de películas para explicar cada momento da historia. Reivindica ademáis o cine español, e moitas filmes que son pouco coñecidos. Están clasificados en varios grupos (historia de España, historia de Galicia, de América, sobre muller, arte, educación…).  Polo que se refire á prehistoria e historia de España, inclúe o período dende a prehistoria ata 1936, con 540 clips de películas duns 3 minutos de duración.

E vaia que chega ao alumnado Manuel, xa que algúns deles ou delas seguen o seu exemplo:

Artistas de primeiro, alumnado de primeiro do IES Concepción Arenal.
Recunchos da memoria, cos alumnos de historia de Galicia do mesmo instituto.

Hai outros canais con contidos didácticos sobre historia en youtube, con videos tamén clasificados temáticamente, como Artehistoria, que tamén poden axudar, claro, fáltalles ese guiño ao cine que tanto “engancha”.

 

Ademáis na biblioteca hai moita bibliografía sobre o tema e que podedes consultar, con títulos de películas axeitados para cada época, estudos, didáctica e moito cine tamén, achegádevos ao noso Pinterest e veredes todos os filmes que imos recibindo.

Olladas de cine

Na Biblioteca da facultade temos máis de 600 películas de materias relacionadas coa educación, psicoloxía, dereitos humáns, historia… e moito máis. Podedes ver os títulos, agrupados por materias no noso Pinterest. O cine, ademais de servir de entretemento é un gran recurso para utilizar na aula, non o deixes escapar. Lembrade que en moitas das bibliotecas da Universidade teñen cine relacionado coas materias que imparten e que están dispoñibles para préstamo: Socioloxía e CC da Comunicación, Filoloxía,  ou a ETS de Arquitectura.