Exposición de Castrolara no Recuncho de lectura

20160414_090050Durante os meses de maio e xuño temos no Recuncho de lectura a exposición de pintura Luces en lugar de sombras, de Nieves Castro Lara.
Artista cordobesa que actualmente reside en Betanzos, onde imparte clases de pintura e gravado. Licenciada en bioloxía pola Universidad de Córdoba, despois de dous anos de investigación na universidade, cambia de papel para dedicarse profesionalmente á arte. Para ela as súas paixóns son a pintura, a ciencia e a escrita. Artista autodidacta, tivo contacto coa pintura dende moi nena, no estudo do seu pai. Fórmase nas técnicas de gravado na Fundación Ciec, realizando o Mestrado de Obra gráfica. Ten impartido obradoiros de distintas técnicas artísticas en diferentes institucións, e realizado exposicións individuais e colectivas.

Castrolara móvese entre a figura e a abstracción, enchendo esta última as súas obras máis recentes. Na obra figurativa recurre á muller e á natureza, que cada vez máis se despoxa de liñas e contornas, deixando só a mancha de cor, a impronta dunha estampa de luz.

Luces en lugar de sombras é unha selección de obras en papel e lenzo, na abstracción total, nas que utiliza técnica mixta, óleo, collage e xilografía, sendo a luz quen todo invade, nun equilibrio perfecto entre a emoción e a expresión a base de cores. Só un pequeño esbozo, na sombra, dunha árbore, do que a gubia labrou alguna vez na táboa, e que hoxe agarda intervida con fortes pinceladas. Esta ausencia de representación nos leva a un diálogo coa obra unicamente sensorial.