Exposición “Pensando cos pés” de Noemí Lorenzo Pérez

Pensando cos pés forma parte dunha mostra máis ampla que Noemí Lorenzo Pérez realizou co patrocinio do Colexio Oficial de Podólogos de Galicia (COPOGA) para conmemorar o seu XX aniversario, e que foi exposta na Galería Sargadelos de Ourense e no MIHL de Lugo no 2017.

A proposta nace a partires do traballo fotográfico de pés nus, libres de todo accesorio.  En palabras da autora: “Quixen facer uns debuxos que nos achegasen directamente a eles, ós pés, sen outra interrupción visual, nun formato próximo ás imaxes xurdidas dun fotomatón. Deste xeito, ademáis de pór en valor as nosas extremidades inferiores, pretendía crear un momento de intimidade entre o público e a peza, tentando provocar unha reflexión no primeiro”.

Posteriormente ás tomas fotográficas realiza apuntes a lapis e vai tirando moldes dos pés a escala real nuns casos en resina de poliéster transparente, noutros en escaiola e resina de poliuretano. Utilizou pintura dourada para xogar coa idea de ouro como valor económico.

Realiza ademais unha serie de debuxos en tinta chinesa sobre papel de poliéster do pé en movemento.

Nesa primeira mostra presentaba unha peza dos seus pés, aberta á colaboración do público, coa intencion de que fora este quen a concluíra. “Eles xeran o ritmo da parte que vai na parede e se prolonga un anaco ó chan, onde debe ser rematada coas pisadas do calzado da xente que visite a sala. Os restos de po que cadaquén trae nos zapatos deixan un rastro de pegadas cun ritmo máis aleatorio, que contrasta coa formalidade da parte suspendida no muro. As luces e sombras xéranse pola mestura de diferentes pisadas con diferente carga matérica, creando cadencias con zonas luz e sombra.”

Nesta ocasión amosa unha selección daquelas pezas: o díptico Con bos pés, realizado en óleo con tinta fluorescente sobre lenzo; unha serie en grafito e lapis acurelable sobre papel de poliéster; e unha colección de pequenas esculturas en resina transparente sobre fondo dourado.

Os pés teñen unha longa tradición simbólica na arte con valores relixiosos, mitolóxicos ou incluso fetichistas, nus ou calzados, son a parte da anatomía que relaciona o mundo inferior (do inframundo) co terrestre. Aquiles tiña un punto débil, o seu talón dereito, polo que o agarrou a súa nai, Tetis, cando o mergullou no lago de Estigia para facelo inmortal; os pés de Hermes ou Mercurio teñen as xa que el é o mensaxeiro dos deuses; os pés de Cristo aparecen nús, e na cruz con cravos representativos da dor; no templo de Éfeso a cabeza de Ártemis aparece xunto á planta dun pé;  Sérapis e Isis tamén teñen a súa iconografía unida aos pés, como outros deuses e deusa exipcios; tamén este extremidade é utilizada en moitos exvotos; temos pegadas na arte rupestre, tanto na Península como en Ibero-América (Cuevas de Oxkutzcab en México, escritura maia, etc.) (Rodríguez Oliva, 1987). Na Biblia os pés teñen gran importancia, Xesús lava os pés aos seus discípulos como vemos tamén en numerosas pinturas renacentistas e barrocas. E xa na arte contemporánea temos os pés das bailarinas de Degás ou os debuxos de Egon Schiele, entre outras obras (Villaverde Solar, 2008).

Noemí Pérez Lorenzo é doutora en Belas Artes pola Universidade de Vigo e titulada no VII Mestrado sobre Obra Gráfica do Centro Internacional para a Estampa Contemporánea (CIEC, Betanzos, A Coruña).Ten realizado numeroas exposicións individuais e colectivas.

Rodríguez Oliva, P. (1987). Representación de pies en el arte antiguo de los territorios malacitanos. Baética: Estudios De Arte, Geografía E Historia, (10), 189-210.

Villaverde Solar, M. D. (2008). La representación de los pies en el arte moderno y contemporáneo: Su valor iconográfico, simbólico y compositivo. Revista Internacional De Ciencias Podológicas, 2(1), 27-38.

Espazos da Biblioteca

A Biblioteca conta con varios espazos en libre acceso distribuidos en dous andares. Ademais da sala xeral de consulta e préstamo, e da Hemeroteca (na que podedes consultar as revistas) dispoñemos de pquenos lugares para un traballo máis específico individual ou colectivo:

Sala Elvira Bao e Sala María Barbeito para traballos en grupo. Levan o nome de dúas mestras, innovadoras e defensoras do ensino público. Estes espazos requiren reserva previa no mostrador da entrada. Contan cada unha con 12 postos de traballo. A sala Elvira Bao ten tamén unha parede que se pode utilizar como taboleiro para escribir con xiz, e a sala María Barbeito 4 ordenadores conectados á rede e un escáner.

  • Espazo de cine Chano Piñeiro. Dedicado a un creador de cine que loitou porque o cine galego se realizara na propia lingua e ocupara o lugar que lle corresponde, artista que nos deixou moi novo. Conta cunha colección de material audiovisual variado, no que está a colección de cine, dispoñible para préstamo. Tamén  dispón de catro cabinas para estudo individual.
    Recuncho de lectura Xohana Torres. Un nome para a historia da literatura, mais tamén para a do feminismo e a lingua galega. Ela foi poeta, dramaturga e narradora, e hoxe ten un pequeno lugar na nosa Biblioteca.  Espazo para lectura de lecer, con tranquilidade, e tamén para a realización de actividades culturais organizadas pola Biblioteca e por membros da comunidade universitaria do centro. Conta cun mobiliario cómodo e cálido e cunha pantalla de proxección.

 

Exposición de gravado de Omar Kessel

© Xacobe Meléndrez Fassbender

Dentro das actividades programadas para este trimestre está a exposición de gravado de Omar Kessel, artista cubano que reside actualmente en Galicia. A mostra estará no recuncho de lectura “Xohana Torres” dende finais de setembro.

Omar Kessel é graduado en Belas Artes pola Universidad de La Haba-na, e actualmente é profesor no Centro Internacional da Estampa Contemporánea (CIEC). É mebro da Unión Nacional de Escritores e Artistas de Cuba (UNEAC) e doTaller Experimental de Gráfica da Habana. (TEGH).  En Cuba foi profesor de debuxo e pintura en Matanzas e La Habana. Actualmente imparte tamén cursos no Museo de Belas Artes da Coruña, así como en distintas universidades e institucións académicas. Ten acadado numerosos premios e realizado exposicións individuais en varios países, así como participado en exposicións colectivas internacionais.

Pintura, debuxo, litografía, maneira negra, punta seca, augaforte e augatinta, talla, cerámica… son as artes nas que adoita traballar, creando obras de gran complexidade técnica. Omar é un virtuoso do debuxo, ben en papel ou ben en pedra, madeira ou metal. Nas súas obras predominan as cores cálidas, os ocres nas representacións de campesiños, os vermellos dos cabelos das mulleres, laranxas e amarelos nas froitas tropicais, en moitas ocasións cun forte contraste co azul que emprega nos panos e teas. Plenamente figurativa, a súa obra está dominada polas representacións femininas, que aparecen entre froitas, árbores e animais, núas ou cubertas con delicados veos, coma a deusa creadora e, dadora de vida Yemayá, en ocasións observadas por ollos que esculcan na escuridade, nunha evocación á súa terra natal.  Pero tamén hai referencias na súa obra ás pinturas negras de Goya ou a algúns dos seus gravados, nalgunhas representacións grotescas dos rostros dos vellos, ou nesas esceas entre ensoñacións e maxia. Os títulos das obras tráenos boleros e sons cubanos, que sempre o acompañan mentres debuxa e pinta.

Nesta mostra podemos ver unha pequena selección da súa obra en papel, realizada nos últimos anos.

O mércores 27 de setembro quedou inaugurada a exposición, na que Omar nos achegou ás distintas técnicas de gravado a través da súa obra. Acompañáronnos Roberto Suárez Brandariz e parte do seu alumnado, que tiveron ocasión de coñecer a súa creación mediante un fluído diálogo. Agradecemos a Omar o préstamos das súas obras para que o alumnado universitario poida ter un contacto directo coa arte.

“O poder dos detalles”, de María Berini Pita da Veiga

Durante os meses de maio e xuño podedes visitar no Recuncho de lectura a exposición “O poder dos detalles“, de María Berini Pita da Veiga.

María é licenciada en dereito pola UDC e actualmente está realizando o Grao en Educación Primaria na nosa Facultade. Adestradora de tenis, traballa con colectivos de persoas con discapacidade intelectual e en risco de exclusión social, colaborando tamén como mestra no centro de formación Violetas de Cáritas (A Coruña).

Unha das súas paixóns é a fotografía, á que entrega parte do seu tempo de lecer. Cóntanos ela mesma: “A fotografía é unha afección herdada do meu pai e do meu avó. Estando aínda máis lonxe da profesionalidade, desfruto do proceso de aprendizaxe no que estou somerxida, tratando de mellorar día a día tanto tecnica como artisticamente”. Como xurde esta mostra?, María di que foi algo expontáneo, depois de ollar todas as súas fotografías reparou en que a meirande parte delas eran detalles dun obxecto ou espazo maior, e que nese franmento estaba recollida toda a emoción e expresividade que procuraba.

Nelas podemos facer un percorrido por detalles de Galicia, París, Porto ou Pamplona… Todas tiradas en modo manual e sen apenas retoque dixital.

©María Berini Pita da Veiga

No 2017 acadou o promio do público no V Concurso de Fotografía “Románico Digital”, pola súa obra  “Reflejo de otoño” Monasterio de Melón (Ourense).

Publica na revista en liña cultural A Revolta, na que ten varias entradas sobre Galicia e as súas lendas, con texto e imaxes.

Tamén podedes visitar o seu blogue no que fai reflexións sobre as pertos relacionados coa arte, a cultura e as viaxes, e no qeu hai un enlace que nos leva a algunha das súas imaxes fotográficas.

“Un cuarto de revelado propio”

Durante o mes de marzo pódese visitar no Recuncho de lectura da Biblioteca a exposición “Un cuarto de revelado propio“, de Nina Corredoira. A mostra percorre a vida e obra dalgunhas das mulleres máis salientables na historia da fotografía internacional. A selección, realizada por Nina, abrangue dende o comezo da fotografía ata a época de entreguerras e inclúe a Julia Margaret Cameron, Francis Benjamin Johnson, Gertrude Käsebier, Hanna Höch, Gertrud Arndt, Florence Henri, Lucia Moholy, Grete Stern e Claude Cahun, moitas delas invisibilizadas pola sociedade da época e pola historia da arte contemporánea. Non se trata dunha exposición exhaustiva, as mulleres fotógrafas moitas veces descoñecidas son moitas, e só algunhas pasaron á historia. Tamén reseña ás galegas Cándida Otero, Antonia Santos e María Cecilia Cardarelly Bousquets, tamén esquecidas pola historia. Antonia Santos tivo estudo en Mondoñedo e hoxe é lembrada polas fotografías que realizou sobre o carlismo. De María Cardarelly sábese que montou o seu estudo na casa familiar de Compostela con tan só 19 anos, aínda que actualmente só chegaron tres retratos, un deles de Rosalía de Castro. Polo que se refire a Cándida Otero coñécese que, xunto ao seu home Felipe Prósperi, exerceu como fotógrafa en Vigo, tendo ambos en exclusiva o sistema de positivado “marfilotipia”. O venres, 17 ás 11h, Nina falará sobre todas elas e sobre a pegada tantos anos borrada que deixaron no mundo da arte. Nina Corredoira é alumna na nosa facultade, bolseira na Biblioteca e afeccionada á fotografía, gostando especialmente da realización de retratos.

Paralela á exposición de cartaces pódese ver unha mostra bibliográfica nas vitrinas da biblioteca para achegarmos ao mundo artístico da época na que viviron as nosas protagonistas. Enmárcase dentro das actividades da Biblioteca en conmemoración do día da muller.

Concurso “falemos galego nas aulas”: decisón do xurado

Tamara García Ramos

Chisco Babío

Reunido o xurado, composto por Lucía López Ben (alumna de doutoramento), Roberto Suárez Brandariz (profesor de educación artística), Araceli Serantes Pazos (profesora de educación social), Juan José Bueno Aguilar (profesor de educación social) e Inma Doval Porto (bibliotecaria), acordouse por unanimidade, logo de avaliar as 114 participacións:

  1. Conceder os dous premios do concurso “fala galego nas aulas”  a Tamara García Ramos e a Chisco Babío.
  2. Seleccionar10 traballos, no canto de 8, amais dos premiados para a exposición no Recuncho de lectura, os asinados por: Alejandro Lorenzo Miguens, Ana Sánchez Schwellenbach, Andrea Mañana Pallas, Andrés Paolantonio Seijas, Beatriz Lage Vilariño, Carolina Carreira Pacoret,Concepción Freire Lago, Giulia Uccellani, Irene López Martínez e Susana Sanmartín Guillén.
  3. Na valoración o xurado tivo en conta, entre outros aspectos, a calidade técnica, a orixinalidade e a claridade da mensaxe.

A exposición poderá visitarse no Recuncho de lectura dende o día 14 de decembro. Moitas grazas a todas e a todos por participar, e noraboa a seleccionadas e seleccionados.

Presentación do libro Donato, de Héctor Pose Porto

hector-pose-donato-cartace2O día 23 ás 19 horas no Recuncho de lectura teremos a presentación do libro Donato, de Héctor Pose, que estará a cargo do autor e de Donato. O libro, escrito en primeira persoa, relata a vida do xogador do Deportivo, conta cun prólogo de Bebeto e unha “posdata” do autor moi interesante. A presentación coincide coa exposicións  fotográfica Futillos, de Xacobe Meléndrez Fassbender, e cunha mostra bibliográfica das nosas “peceiras de creatividade” ambas de homenaxe a Alexandre de Fisterra, republicano galego exiliado durante a guerra civil española. Alejandro Campos Ramírez (máis coñecido como Alexandre de Fisterra) foi  escritor, editor e creador de numerosas patentes, e entre os seus múltiples inventos está o futbolín.

Falemos galego nas aulas! Concurso de cartaces

nas-aulasen-galego

A nosa Biblioteca en colaboración coa Aula de plástica da Facultade convoca un corcurso de cartaces co obxectivo de promocionar o galego nas aulas. Poderá participar todo o alumnado da Facultade. Un xurado seleccionará 10 cartaces para expoñer no Recuncho de lectura e entre eles elexirá os dous qeu considere mellores para premio.

Participa, aquí podes ler as bases. Lembra tes de prazo ata o 25 de novembro.

O concurso conta co apoio e promoción da CNL e a Comisión de Cultura do centro.

Exposición de Castrolara no Recuncho de lectura

20160414_090050Durante os meses de maio e xuño temos no Recuncho de lectura a exposición de pintura Luces en lugar de sombras, de Nieves Castro Lara.
Artista cordobesa que actualmente reside en Betanzos, onde imparte clases de pintura e gravado. Licenciada en bioloxía pola Universidad de Córdoba, despois de dous anos de investigación na universidade, cambia de papel para dedicarse profesionalmente á arte. Para ela as súas paixóns son a pintura, a ciencia e a escrita. Artista autodidacta, tivo contacto coa pintura dende moi nena, no estudo do seu pai. Fórmase nas técnicas de gravado na Fundación Ciec, realizando o Mestrado de Obra gráfica. Ten impartido obradoiros de distintas técnicas artísticas en diferentes institucións, e realizado exposicións individuais e colectivas.

Castrolara móvese entre a figura e a abstracción, enchendo esta última as súas obras máis recentes. Na obra figurativa recurre á muller e á natureza, que cada vez máis se despoxa de liñas e contornas, deixando só a mancha de cor, a impronta dunha estampa de luz.

Luces en lugar de sombras é unha selección de obras en papel e lenzo, na abstracción total, nas que utiliza técnica mixta, óleo, collage e xilografía, sendo a luz quen todo invade, nun equilibrio perfecto entre a emoción e a expresión a base de cores. Só un pequeño esbozo, na sombra, dunha árbore, do que a gubia labrou alguna vez na táboa, e que hoxe agarda intervida con fortes pinceladas. Esta ausencia de representación nos leva a un diálogo coa obra unicamente sensorial.

amoresQmatan. votación popular

MARTES 8, ás 11 h, entrega de premios, inauguración da exposición e proxección dos videos seleccionados. Recuncho de lectura da Biblioteca.

O venres ás 12 h rematou o prazo para votar os videos e fotografías no twitter. O video gañador foi o realizado por un grupo de Grao en Eduación social, asinado por Nerea Allegue, e baseado na película “Te doy mis ojos”.

Ademáis foron seleccionados por número de votos os videos: Sen ti son eu realizado por sete alumnas de mestrado de Profesorado e baseado na película “Te doy mis ojos”; Dias contados, de Zeltia Iglesias;  Soy como tú, de Alba Barrós Castro; o video asinado por SegisNoe e baseado na curta “Nunca es tarde para hacerse valer”, o de Bñlanca Diaz baseado en “Celos”; Libérate dos amores que matan, de Natalia Pampín; Me das miedo, realizado por un grupo de alumnas e asinado pr Paula, baseado na película “Quinceañera”; un video asinado por Alejandra, baseado en Te doy mis ojos”; e Todo merece ser amado, de Rebeca Mayo, baseado en “El color púrpura”.

Pódense ver todos no Pinterest https://es.pinterest.com/beducacion/amoresqmatan-videos-seleccionados/

A foto gañadora foi a presentada por Laura Gómez Soriano, con 933 votos. Seleccionáronse para a exposición, ademáis desta as de Raquel Sumay, baseada nno libro de  Nawal al-Sa’daw “Mujer en punto cero”, a asinada por Queen B (grupo de alumnos de educación social), a de Laura (grupo educación social) baseada en “Sólo mía”, e a de Iria Vigo Costa, baseada no libro de Begoña Paza “A ferida”.