TROULAS, AS OUTRAS ORLAS

TROULAS DEFTROULAS, AS OUTRAS ORLAS

Exposición das orlas realizadas polo alumnado das promocións do Mestrado Universitario en profesorado de ensino secundario, no Itinerario de artes plásticas e visuais. A mostra está coordinada polo profesor Roberto Suárez Brandariz.

Troula: no argot dos afiadores ourensáns “mentira”. Esta exposición quere mostrar as interpretacións que os alumnos do Mestrado de Ensino Secundario fan da orla da súa promoción. Utilizando os elementos básicos: imaxe dos seus compoñentes, os seus nomes, o texto que define os seus estudos e o ano da promoción, pero dun xeito non convencional (Roberto Suárez Brandariz).


???????????????????????????????

???????????????????????????????

Ao alumnado formulóuselle o reto de expresarse dun modo orixinal empregando un medio tan anodinamente convencional como adoita ser unha ORLA, e aquí están os resultados.

A exposición pode verse no Recuncho de lectura e nas Peceiras de creatividade da Biblioteca durante todo o mes de febreiro.

 

 

Chega o verán con novas mostras na biblioteca

Durante os meses de xullo e agosto poderemos ver na Biblioteca duas mostras. No Recuncho de lectura unha fermosa exposición de Teresa Pedroso, con gravados (xilografías), cianotipias e fotografías.Teresa Pedroso é artista portuguesa, licenciada en artes plásticas no Porto (ESBAP), que leva moitos anos traballando en escultura e gravado e tempo xa investigando sobre a cianotipia e as súas aplicacións artísticas, aos diferentes materiais e texturas. Tamén é ilustradora científica, habendo realizado o curso de ilustración científica da Universidade de Aveiro. Expón a súa obra habitualmente en Porto, Xapón, España ou Alemania.

A outra exposición está nas “peceiras de creatividade”, na entrada da biblioteca. Trátase dunha mostra con algunhas lecturas recomendadas para este verán, seleccionadas entre as  moitas que temos na biblioteca. Narrativa e poesía, diferentes xéneros, literatura de viaxes, novela histórica,, novela negra, biografías, autoras e autores clásicos e contemporáneos, galegos e de fóra. Para o cartace eleximos unha bonita fotografía dun artista xaponés, Mr Hayata, tomada do seu muro de flickr, e que utiliza creative commons.

Encontro literario con Francisco X. Fernández Naval

O xoves, 19 de xuño, ás 18 horas, terá lugar, no Recuncho de lectura da Biblioteca, un encontro literario con Francisco X. Fernández Naval, con quen os compoñentes do Clube de lectura Nébeda debatirán a cerca dos contos de Julio Cortázar. Fernández Naval é un grande coñecedor da obra de Cortázar, sobre a que traballa continuamente, e da que ten publicadas varias obras.Escribíu Respirar polo idioma: os galegos e Cortázar (Linteo, 2006), no que analiza a relación de Cortázar con Galicia, o seu matrimonio con Aurora Bernárdez, a amizade con moitos dos galeguistas exiliados en Arxentina ou en París, “os galegos” que aparecen na súa obra… Está a piques de publicar outro libro sobre Cortázar, e recentemente acaba de sacar a tradución dun dos seus contos, A autoestrada do sur (Trifolium, 2014). Se alguén que non sexa do clube quere asistir que contacte co persoal da biblioteca. Máis información en http://nebedaclubelectura.wordpress.com.
Con motivo da lectura de Cortázar, nas nosas “peceiras de creatividade” temos unha mostra sobre o autor e o seu mundo, con algunhas das súas obras, outras escritas sobre el e obxectos que fan referencia aos contos ou aos seus gustos. Podédela ver durante todo o mes de xuño.

Exposición “A imaxe e a palabra”

Enmarcado no Proxecto “Mulleres na viaxe”, Begoña Bas e Patricia Carballal organizan co alumnado de Medio Histórico e Xeográfico de Galicia e a súa Didáctica (3º de Infantil e 4º de Primaria), e  o de  Lingua e Literatura Castelá e a súa Didáctica (2º de primaria), a exposición  “A imaxe e a palabra”, que se poderá visitar no Recuncho de lectura ta o 15 de maio. A idea é partir da figura de Ruth Matilda Anderson (como muller, fotógrafa, investigadora e que nos deixou un extraordinario testemuño sobre a realidade social da Galicia dos anos ’20) para realizar lecturas polisémicas dende os enfoques que as diferentes materias nos proporcionan e tamén dende as nosas lecturas máis persoais traballando coas emocións.
A experiencia parte do visionado das fotos polo alumnado de Medio histórico e xeográfico, que deben poñer palabras ao que isto lles suxire. As fotos coas palabras “viaxan” ate o alumnado de 2º Primaria (Lingua e literatura) que fan textos de creación literaria. Estes “regresan” aos primeiros que seleccionarán o que máis lle guste de todos os escritos sobre a foto que ten adxudicada. Estes textos son os que se expoñen, xunto coas palabras e as fotos. Ao final, haberá premio ao mellor texto e ás mellores palabras.
En síntese, unha actividade na que as fotografías nos suxiren cuestións e emocións que traducimos en textos e que expoñemos.
Como complemento, nas Peceras de creatividade da biblioteca podedes ver unha pequena mostra sobre a figura de Ruth Matilda Anderson enmarcada dentro daquelas mulleres vaixeiras que visitaron Galicia no século pasado, deixando unha forte pegada na súa obra. Así, ademáis de Ruth Matilda, lembramos a Annette Meakin, Nina Epton e Alejandra Pizarnik.
Ruth Matida Anderson (Cottonwood Farm, Nebraska, 1893-1983), fotógrafa, viaxa por Galicia acompañada do seu pai nos anos 1924-1926 e recolle as súas vivencia nun libro, Pontevedra and La Coruña (New York, 1939), ademáis de en numerosa fotografías realizadas durante a viaxe. Sobre ela hai moito escrito, e hai unha interesante tese de Noemí Espinosa Fernández (universidad Castilla La Mancha) na que nos fala desta viaxe.
Annete Meakin (Inglaterra, 1876-1959) viaxa por Galicia en 1908, queda abraiada coa paisaxe, as xentes e os naufraxios da Costa da Morte. De feito, ata non hai moito, mencionábase a esta muller inglesa como quen lle deu o nome de “Costa da morte”. Publicou o libro Galicia, the Switzerland of Spain, 1909. Traducido por Rebeca Quintáns: Galicia inédita, 1994.
Nina Epton, de quen descoñecemos data de nacemento e morte, aínda que sí sabemos que naceu en Londres e que era escritora, viaxa por Galicia en 1953. Chega en barco, en terceira, compartindo pasaxe con todos os emigrantes que se dirixían a América, percorre gran parte da Galicia rural e mariñeira en bus e a pé, fai grandes amigos entre os intelectuais galegos, sendo Francisco Fernández del Riego quen traducirá ao galego a súa obra , Grapes and granite (1956), Uvas e granito (unha viaxe por Galicia) en1993.
Tamén a escritora arxentina Alejandra Pizarnik (Avellaneda, 1936-1972) viaxou a Galicia. Foi no ano 1963 e da súa viaxe nos quedan algúns textos entre os que deixou co título Escrito en España (1963) e que serían publicados en 2002 dentro da obra Prosa completa. Polo que lemos nela parece qeu só visitou as cidades de Santiago de Compostela e A Coruña, sendo a primeira a que máis lle impresionou.

Dentro do proxecto “Mulleres na viaxe”, subvencionado pola Comisión de Cultura da Facultade de Ciencias da Educación,  se inclúen ademáis desta exposición do Recuncho, co obxectivo de coñecer, nas aulas, as fotografías de RMA e analizar a súa obra, outras actividades como:
1. Encontro coa profesora e alumnas da ESO do IES Neira Vilas de Oleiros nas que elas nos dan a coñecer as súas experiencias de traballo de historias de vida coas súas familias. Xa realizada.
2. Conferencia de X.R. Barreiro sobre as mulleres viaxeiras en Galicia. Xa celebrada.
3. Exposición “A foto para pensar” que montaremos no espazo do andar 0, a próxima semana e que consistirá en realización de materiais didácticos, textos e materiais de creación. Autores: Medio Histórico e Xeográfico de Galicia e a súa Didáctica (3º de Infantil e 4º de Primaria).

“Adios María” de Xohana Torres e a emigración

Nas nosas peceras de creatividade temos unha exposición relacionada coa lectura da novela “Adiós María”, de Xohana Torres, que se está a ler no noso Clube de lectura e encontros literarios. A emigración é un tema moi presente nesta obra, polo que tamén aparece referenciada nas obras expostas, que nos levan a unha reflexión: “eu tamén podo ser emigrante, e tí, podes ser emigrante?.

Aquí podedes ver a listaxe das obras expostas.

Agradarache saber…

Entre o 22 e o 29 de xaneiro expoñeremos na biblioteca carteis sobre toponimia de rúas da Agra do Orzán, feita pola asociación de veciños do bairro.
Sabiades que Nelle e Outeiro eran nomes de aldeas?

Son oito carteis con información básica sobre o nome de oito rúas: sobre os persoeiros que lles dan o nome (Francisco Añón, José Baldomir, Andrés Gaos, Almirante Mourelle, Pascual Veiga, Teixeira de Pascoaes) e sobre algúns dos escasos topónimos tradicionais que aínda perviven (Agramela, Nelle).

Tamén nas vitrinas da entrada haberá bibliografía sobre o tema.

A creación poética e fotográfica na Biblioteca

Como sabedes temos na Biblioteca duas exposicións con motivo da celebración do día Internacional da Muller Traballadora, que poderedes visitar durante todo o mes de marzo. Begoña Pastoriza realizou esta fermosa reportaxe fotográfica.

“A creación poética: Eva Veiga, Yolanda Castaño e Berta Dávila”. Peceiras de creatividade.

Exposición de fotografía “Anónimas”, de Begoña Pastoriza, fotógrafa galega, membro do Grupo Surrealista Galego. Recuncho de lectura.

Tamén hai unha reseña sore elas na Webzine Mirai.