“Un cuarto de revelado propio”

Durante o mes de marzo pódese visitar no Recuncho de lectura da Biblioteca a exposición “Un cuarto de revelado propio“, de Nina Corredoira. A mostra percorre a vida e obra dalgunhas das mulleres máis salientables na historia da fotografía internacional. A selección, realizada por Nina, abrangue dende o comezo da fotografía ata a época de entreguerras e inclúe a Julia Margaret Cameron, Francis Benjamin Johnson, Gertrude Käsebier, Hanna Höch, Gertrud Arndt, Florence Henri, Lucia Moholy, Grete Stern e Claude Cahun, moitas delas invisibilizadas pola sociedade da época e pola historia da arte contemporánea. Non se trata dunha exposición exhaustiva, as mulleres fotógrafas moitas veces descoñecidas son moitas, e só algunhas pasaron á historia. Tamén reseña ás galegas Cándida Otero, Antonia Santos e María Cecilia Cardarelly Bousquets, tamén esquecidas pola historia. Antonia Santos tivo estudo en Mondoñedo e hoxe é lembrada polas fotografías que realizou sobre o carlismo. De María Cardarelly sábese que montou o seu estudo na casa familiar de Compostela con tan só 19 anos, aínda que actualmente só chegaron tres retratos, un deles de Rosalía de Castro. Polo que se refire a Cándida Otero coñécese que, xunto ao seu home Felipe Prósperi, exerceu como fotógrafa en Vigo, tendo ambos en exclusiva o sistema de positivado “marfilotipia”. O venres, 17 ás 11h, Nina falará sobre todas elas e sobre a pegada tantos anos borrada que deixaron no mundo da arte. Nina Corredoira é alumna na nosa facultade, bolseira na Biblioteca e afeccionada á fotografía, gostando especialmente da realización de retratos.

Paralela á exposición de cartaces pódese ver unha mostra bibliográfica nas vitrinas da biblioteca para achegarmos ao mundo artístico da época na que viviron as nosas protagonistas. Enmárcase dentro das actividades da Biblioteca en conmemoración do día da muller.

Presentación do libro Donato, de Héctor Pose Porto

hector-pose-donato-cartace2O día 23 ás 19 horas no Recuncho de lectura teremos a presentación do libro Donato, de Héctor Pose, que estará a cargo do autor e de Donato. O libro, escrito en primeira persoa, relata a vida do xogador do Deportivo, conta cun prólogo de Bebeto e unha “posdata” do autor moi interesante. A presentación coincide coa exposicións  fotográfica Futillos, de Xacobe Meléndrez Fassbender, e cunha mostra bibliográfica das nosas “peceiras de creatividade” ambas de homenaxe a Alexandre de Fisterra, republicano galego exiliado durante a guerra civil española. Alejandro Campos Ramírez (máis coñecido como Alexandre de Fisterra) foi  escritor, editor e creador de numerosas patentes, e entre os seus múltiples inventos está o futbolín.

Alexandre de Fisterra nas “peceiras de creatividade”

Coincidindo coa exposición “Futillos”, de Xacobe Meléndrez Fassbender, na que o artista fai unha homenaxe o seu inventor, Alexandre de Fisterra, a Biblioteca rédelle tamén a súa homenaxe, cunha mostra sobre o poeta, editor e inventor, entre moitas outras facetas.

imaxe tomada da Wikipedia

imaxe tomada da Wikipedia

ALEXANDRE CAMPOS RAMÍREZ (1917-2007) – Alexandre de Fisterra

Alexandre era fillo dun telegrafista e zapateiro, naceu en Fisterra onde se dí que vivíu de neno, no faro, logo se trasladaría á Coruña coa súa familia e finalmente a Madrid, onde estudaría o bacharelato e traballaría como albanel e nunha imprenta. Tamén aquí coñecería a León Felipe e a Rafael Sánchez Ortega, con quen crearía o periódico Paso a la juventud.

Durante a guerra civil, a consecuencia das feridas nun bombardeo tivo que ser hospitalizado en Montserrart, e sería aí onde idearía o seu grande invento, o futbolín, que realizaría coa axuda dun amigo carpinteiro, Francisco Javier Altuna, e que perfecionaría máis tarde en Ecuador con madeira de caoba. No sería este o seu único invento, ten máis de 50 patentes, entre elas a dun pasador automático de partituras, o basket de mesa e un xogo de afundir barcos.

Republicano, percorreu África, estivo exiliado en París, Ecuador, Guatemala e México. Hai varias anécdotas curiosas de cando estivo no exilio, unha delas conta unha ameaza de bomba feita cunha pastilla de xabrón envolta en papel de alumnio cando o levaban secuestrado os franquistas de regreso a España.

Foi escritor e poeta (Cantos exclavos, versos del buen y mal amor, La década cacada, Poesía en México, Poesía de Galicia…), editor e albacea de León Felipe e editor de moitos poetas españois exiliados en México. Fundador do periódico Paso a la juventud, Revista Ecuador 0º, 0′, 0′′ na que adicaba cada número a poetas dun país diferente. Crea Editorial Finisterre Impresora (revista del centro gallego de México, na que publicou obras de León Felipe, Ernesto Cardenal, Juan Larrea…).Publica Compostela, revista de Galicia.  En 1977 publica unha edición facsímil da revista Galeuzca, que publicaran exiliados galegos, vascos e cataláns na Arxentina no 45.

No libro Cantos rodados: antología poética (Madrid: Libertarias/Prodhuci, 1992), con p´rologo de Andrés Sorel, recóllense os seus poemas. Co seu poema:

Estais ahí, muertos
como sifiséseis a vivir toda lsz vida:
humillados como muertos
sin el orgullo de estar muertos,
sin la alegría de estar vivos
como lo están los muertos:
Sois los vivos.

enlazamos coa exposición do Recuncho de lectura de Xacobe Meléndrez Fassbender.

Bailarín e autor de pezas de ballet. Bailarín na compañía de Celia Gámez e en Francia colaborou co ballet do marqués de Cuevas. No expediente de ingreso na Real Academia Galega figura como argumento ao seu favor a autoría de varias «pezas de ballet inspiradas no noso folklore». Escribíu “Del amor y de la muerte”, con música de Granados. Foi tamén bailarín de claqué

Membro da Real Academia Galega da que foi membro correspondente en México desde 1967. Fundador do Ateneo en México.

Organizou en 1973, no  Bosque de Chapultepec, un grande homenaxe do exilio a León Felipe na que participaron moitos intelectuais como Celso Emilio Ferreiro, Ramón Xirau, Francisco Giner de los Ríos, Juan Marichal, José Miguel Ullán, Ramón Chao..  alí quedou a escultura a León Felipe que aún se encuentra en el Bosque de Chapultepec.

Estaba casado coa cantante lírica María Herrero.

A súa vocación frustrada: arquitecto

Referencias:

    • A productora catalana Tratart Produccions realizou documental Tras el Futbolín. Un documental dirigido por Bep Moll y distribuido por Motion Pictures S.A.. Nelal Alexandre de Fisterra narra a súa vida e como creou o futbolín.

Artigos escritos por el

Finisterre, A. (1992). Juan larrea, león felipe y el cincuentenario de cuadernos americanos. Cuadernos Hispanoamericanos, (501), 89-100.

Finisterre, A. (1997). Lipchitz y lo hispano. Raíces: Revista Judía De Cultura, (30), 25-27.

Finisterre, A. (2002). León felipe. Cuadernos Hispanoamericanos, (625), 265-270.

Finisterre, A. (2006). Homenaje a la república española. FerrolAnálisis: Revista De Pensamiento y Cultura, (21), 205-211.

Exposición fotográfica “Futillos” de Xacobe Meléndrez Fassbender

cartace9pDende o 17 de outubro pódese ver no Recuncho de lectura a exposición “Futillos”, de Xacobe Meléndrez Fassbender.  “Futillos” é como lle chaman en Guatemala ao futbolín. Esta  serie é unha homenaxe ao inventor deste xogo, Alexandre de Fisterra, apelido tomado do nome do seu pobo. “Os matracos” ou “matraquiños”, como lles chaman en Portugal, son un xogo que tivo moita relevancia na xuventude de moitas xeracións… marcaba, e ainda o fai, retos, primeiros contactos, amizades, discusións, canalizaba enerxía…
Alejandro Rodríquez Campos (o seu nome de nacemento) foi republicano persequido e exiliado en moitos países: Francia, Ecuador, Guatemala… pero sobre todo en México, onde coñeceu ao poeta León Felipe, do que foi amigo e editor. Foi un grande axitador social na sombra, e como poeta deixou dous versos que se repetiron nas suas necolóxicas e que nos achegan ao seu perfil inconformista, os mesmos que inspiraron estas fotografias:Xacobe Meléndrez Fassbender

“…estais ahí muertos
como si fueseis a vivir toda la vida
Alexandre de Fisterra (1919-2007)

 A exposición fotográfica compleméntase cunha mostra sobre Alexandre de Fisterra nas vitrinas da entrada.

Irmandades da Fala

IMG_20160418_092548

Van agora cen anos das Irmandades da Fala ; que fixeron unha dinamización cultural e política sen precedentes no noso país; que deixaron un legado esplendoroso de dignidade e amor ao propio e marcaron un camiño de esperanza para o pobo galego.

Na biblioteca de Ciencias da Educación temos unha exposición nas vitrinas que estará até o 16 de maio, data do propio Centenario.

Lugar: peceiras de creatividade
datas: abril e maio 2016

 
eduIrmandade1p

Na nosa homenaxe a estes homes e mulleres queremos reflexionar onde estamos e onde queremos estar. E se é unha realidade que desaparecemos como pobo, até que ponto é co noso consentimento.

Ler texto sobre o Centenario das Irnmandades da Fala (María Gutiérrez Calvete).

O lapiz do neto do carpinteiro

CARTEL 2Lugar: Recuncho de lectura e peceiras de creatividade da Biblioteca da Facultade
Datas: xaneiro-marzo 2016

O lápiz do neto do carpinteiro é unha exposición de caricaturas realizadas por Roberto Suárez Brandariz, arquitecto e profesor titular na nosa Facultade, onde imparte educación artística. Nas caricaturas de Roberto non existe unha esaxeración de rasgos físicos das persoas retratadas, se non que nos achegamos á parte máis interior de delas, nunha clave humorística, non satírica, cunha visión cómica e amable dalgúns dos seus compañeiros e compañeiras da Facultade. A pericia no debuxo, do neto do carpinteiro, do neto dun ebanista que, como el, aprendeu o debuxo dende moi neno, a partir do trazado de formas xeométricas básicas, así como a captación do aspecto psicolóxico déixase ver na representación de cada personaxe. Roberto publicou as súas primeiras tiras cómicas, de crítica e reivindicación social xa no ano 1978, no suplemento do periódico El Ideal Gallego. Realizou ademáis carteis por encargo, traballando daquela nunha empresa de publicidade, como o que podemos ver, tamén no recuncho, para Estrella Galicia. O proceso creativo de cada una das caricaturas parte do debuxo a lápiz, que despois continuará con rotulador e lápices de cores.

imaxe da Wikipedia

imaxe da Wikipedia, caricatura de Darwin

A caricatura é un xénero artístico que aparece na Italia renacentista, fálase da súa creación pola familia Carraci en Bolonia no século XVI, aínda que xa Leonardo da Vinci realizaba debuxos con rasgos esaxerados que poderiamos incluír neste campo. Pero podemos rastrexar os seus comezos nas culturas mesopotámicas e o antigo Exipto, que continuaría en Grecia e Roma, (Aristóteles cita a un “pintor malévolo”, Poson), e incluso temos exemplos na arte medieval (Peláez, 2002). É no Renacemento cando se realizan obras satíricas e burlescas que moitas veces traían de cabeza á Igrexa, non só en Italia, se non tamén na pintura flamenca. As caricaturas  adéntranse no psicolóxico, trazando unha relación entre o caracter e a fisonomía, vencellándose nun principio con aspectos máxicos, como aparecen no tratado de Giambattista Della Porta, moi asociados no Renacemento a animales fantásticos e seres monstruosos.  (Grose, Burucúa  e Kwiatkowski  2011). A partir do XVII se utilizaría a caricatura para a ridiculización política e social, incluso nas loitas parlamentarias en Inglaterra que florecería no XVIII, “século de ouro” da caricatura inglesa, cun gran autor, William Hogarth e coa publicación do primeiro libro de debuxos de caricaturas, hacia 1762,  Mary Darly’s A Book of Caricaturas. No século XVIII e XIX en Francia e Gran Bretaña hai xa importantes revistas de caricaturas, como “La caricature” ou “The comic almanac”, respectivamente.

imaxe da Wikipedia

imaxe da Wikipedia. Caricatura realizada por Daumier

A historia ofrécenos nomes de excelentes caricaturistas como Carraci, Callot, John Tenniel , Sir Max Beerbohm, Honoré Daumier , Goya, Wilhelm Busch , Mort Drucker ou Sebastian Krüger, máis tamén existiron e existen mulleres moi boas nesta arte, como son Cintia Bolio, Raima Suprami, Guadalupe Rosas, só por citar algunhas delas…

En Galicia tivemos e temos maravillosos autores deste xénero: Castelao, Isaac Diaz Pardo, Siro López, Pinto, Leandro, Carrera, Abraldes, Xaquín Marín ou Kiko da Silva.

Caricatura de Laura Valenzuela realizada por Siro. Imaxe da BNE.

Caricatura de Laura Valenzuela realizada por Siro. Imaxe da BNE.

De feito, durante varios anos contou cunha Bienal específica, a Bienal da caricatura de Ourense, que tivo 9 edicións, baixo a dirección do grande activista cultural Benito Losada, na que se expoñían obras dos máis representativos caricaturistas a nivel internacional.

As caricaturas expostas no segundo andar da Biblioteca compleméntanse co material exposto nas vitrinas da entrada, nas que se poden ver outros traballos de Roberto, fases do proceso creativo e algunhas obras disponibles na biblioteca sobre caricatura e outros autores deste xénero.

Grose, F., Burucúa, J. E., & Kwiatkowski, N. (2011). Principios de la caricatura; seguidos de un ensayo sobre la pintura cómica. Madrid: Katz.

Peláez Malagón, J. E. (2002). Historia de la caricatura. Clío: History and History Teaching., (27)

EXPOSICIÓN DE ISABEL PINTADO

IMG_20151007_121719 (1)Cambio de mes e renovamos exposición no Recuncho de lectura e nas peceiras de creatividade. Durante os meses outubro e novembro podedes vir e coñecer a obra dunha grande artista, Isabel Pintado, licenciada en Belas artes pola Universidad Complutense de Madrid, profesora de pintura e gravado en varias institucións (Museo de Belas Artes da Coruña ou MAC, entre outros), ilustradora, colaboradora en espectáculos teatrais facéndose cargo da escenografía e atrezzo (Pisados Botamán de Melide ou Snakizados, de Gustavo Pernas), realiza ademáis instalacións artística, pintura en seda, etc. Acadou numerosos premios e bolsas artísticas.

A obra que presenta na nosa Biblioteca xira en torno ao libro. No recuncho de lectura hai unha pequena mostra dalgunhas das súas pinturas en papel. E nas peceiras de creatividade unha selección de libros intervidos, nos que podemos atopar poemarios de Eva Veiga, Miguel Anxo Fernán Vello, Francisco X. Fernández Naval, Yolanda Castaño, Antonio Gamoneda, Diana Varela Puñal…, cos que dialoga con debuxos e sedas.

Exposicións de maio

Comezamos o mes de maio con duas interesantes exposicións na Biblioteca.

IMG_20150505_084716Coincidindo e colaborando coas xornadas do festival Marea alta na nosa Facultade, entre o 4 e o 7 de maio, teremos na Biblioteca algunha das obras de Xosé Manuel Barros Hermida, da asociación Mar de fábula. Xosé Manuel traballa con crebas, refugallo que nos devolve o mar, e que transforma en fermosos barcos e no que el denomina “criaturas caóticas”. Case podemos navegar no Norah Crane, no Titan ou no Costa dos mosquitos… ou lembrar a Humphrey Bogart e Katharine Hepburn no African Queen.

Con motivo destas xornadas, nas nosas peceiras de creatividade temos unha mostra sobre a contaminación dos océanos e a poesía do mar.

E no noso Recuncho de lectura, tamén temos cambio de exposición. Nesta ocasión será Teresa Candal quen nos encha a sala de arte e de cor. Teresa é licenciada en Belas artes pola Universidade de Vigo, ten realizado numerosas exposicións de pintura, ademais é deseñadora gráfica e conta con formación en Arteterapia, cun postgrado realizado en Barcelona e o ciclo superior en Madrid. A cor domina nas súas obras, que en moitas ocasións a leva a abstración. Xoga con textos, dialogando con grandes autoras e autores, como Rosalía de Castro ou Cortázar, como podemos ver nalgunhas das obras aquí expostas. Nesta ocasión, Teresa, preséntanos unha serie de acuarelas, algunhas delas pertencen a unha homenaxe a Rosalía, un grande traballo.

Podesdes ver a súa exposición a partir do 7 de maio ata finais de xuño.

Michael W Apple Doutor Honoris causa pola UDC

IMG_20150313_125637Michael W. Apple naceu no ano 1942 en Patterson, New Jersey, USA.  Exerceu como mestre en escolas locais. Actualmente é profesor na Universidade de Wisconsin Madison, unha universidade pública dos Estados Unidos. Ten un número importante de publicacións – libros e artigos de revistas- das que  vos ofrecemos unha listaxe.

Considérase unha persoa moi política, fondamente comprometida coa transformación educativa e social. A pregunta De quen é o coñecemento que se está a ensinar nas escolas? é a clave do traballo da súa vida. (entrevista do profesor Jurjo Torres Santomé na revista Cuadernos de Pedagogía, nº 275, decembro de 1998).

Nesa mesma entrevista conta que a orixe deste compromiso está na súa infancia. A cidade onde naceu era unha das máis pobres dos Estados Unidos e alí coñeceu loitas sindicais e antirracistas. Na  súa propia familia había activistas e a escola  onde estudaba tiña un importante número de alumnado afroamericano e,  en xeral,  de clase traballadora inmigrante, polo que logo se decatou do valor da loita política.

O feito de vir dunha familia de impresores e traballar él mesmo na imprenta , onde se  vía como algo consustancial a relación entre o traballo de impresor co  da alfabetización, foi algo que o levou a ser profesor.

Na súa edade adulta, este compromiso levouno a implicarse activamente: indo ao Sur para abrir escolas que pecharan grupos racistas e sendo presidente de un sindicato de profesorado.

Este ano, a Universidade da Coruña vaino facer Doutor Honoris Causa.  Que sexa un educador quen recibe tal distintivo fai que nos sintamos orgullosas/os nós tamén,  quer coma membros da Facultade de Ciencias da Educación , quer  coma cidadás e cidadáns que confían na educación como “unha arma de futuro”. O seu padriño, nesta ocasión é Jurjo Torres Santomé, profesor doutor da UDC.

Nós unímonos a esta homenaxe cunha mostra sobre a súa obra nas nosas peceiras de creatividade. Asi mesmo deixamos unha relación coas obras que temos no catálogo escritas por el ou que falan sobre el, e unha bibliografía sobre Apple.

TROULAS, AS OUTRAS ORLAS

TROULAS DEFTROULAS, AS OUTRAS ORLAS

Exposición das orlas realizadas polo alumnado das promocións do Mestrado Universitario en profesorado de ensino secundario, no Itinerario de artes plásticas e visuais. A mostra está coordinada polo profesor Roberto Suárez Brandariz.

Troula: no argot dos afiadores ourensáns “mentira”. Esta exposición quere mostrar as interpretacións que os alumnos do Mestrado de Ensino Secundario fan da orla da súa promoción. Utilizando os elementos básicos: imaxe dos seus compoñentes, os seus nomes, o texto que define os seus estudos e o ano da promoción, pero dun xeito non convencional (Roberto Suárez Brandariz).


???????????????????????????????

???????????????????????????????

Ao alumnado formulóuselle o reto de expresarse dun modo orixinal empregando un medio tan anodinamente convencional como adoita ser unha ORLA, e aquí están os resultados.

A exposición pode verse no Recuncho de lectura e nas Peceiras de creatividade da Biblioteca durante todo o mes de febreiro.