Nébeda. Club de lectura e encontros literarios. 2 ECTS

O Club de lectura Nébeda, organizado pola Biblioteca da nosa Facultade e o SNL da UDC e coordinado por Inma Doval Porto, contará con 2 ECTS. Se desexas inscribirte só tes que enviar un correo electrónico ou contactar coa Biblioteca da Facultade de Ciencias da Educación. Podes consultar aquí o Programa completo e as actividades que deberás realizar para conseguir os 2 ECTS.

Encontro literario con Eva Veiga

 

encontro evaO vindeiro mércores, 1 de outubro, ás 17 horas, terá lugar, no Recuncho de lectura da Biblioteca, un encontro literario con Eva Veiga, con quen os compoñentes do Clube de lectura Nébeda falarán sobre o seu último poemario, “A distancia do tambor”, que obtivo o XIII Premio de poesía Fiz Vergara Vilariño. Eva Veiga  é poeta, xornalista, presentadora de tv, actriz de teatro e de cine e difusora cultural. En 2004 forma, xunto aos músicos Bernardo Martínez (percusión e clarinete) e Fito Ares (frauta traveseira e saxo) o grupo Ouriol, no que a poesía e a música se funden nunha fonda aperta. Eva sempre está aberta ao diálogo entre as artes, realizando tamén proxectos con artistas plásticos como Alfonso Costa ou Masafumi Yamamoto.

 

Se alguén que non sexa do clube quere asistir que contacte co persoal da biblioteca. Máis información no blogue Nébeda.

 

“Adios María” de Xohana Torres e a emigración

Nas nosas peceras de creatividade temos unha exposición relacionada coa lectura da novela “Adiós María”, de Xohana Torres, que se está a ler no noso Clube de lectura e encontros literarios. A emigración é un tema moi presente nesta obra, polo que tamén aparece referenciada nas obras expostas, que nos levan a unha reflexión: “eu tamén podo ser emigrante, e tí, podes ser emigrante?.

Aquí podedes ver a listaxe das obras expostas.

NÉBEDA Clube de lectura e encontros literarios

imaxe: Raul Lieberwirth “readingontheroof”
A Biblioteca da Facultade de Ciencias da Educación comeza o seu Clube de lectura e encontros literarios “Nébeda”, con “Adios María” de Xohana Torres. Coordinan o clube María Gutiérrez Calvete e Inma Doval Porto, bibliotecarias. O Clube está aberto a toda a comunidade universitaria, que deberá anotarse no enderezo mdoval@udc.es. Trátase dun Clube virtual, a través do blogue, no que todas e todos os que participan poderán comentar a obra durante a súa lectura, se ben cada lectura contará cun encontro literario cun escritor ou escritora con quen se debatirá sobre a mesma. O primeiro encontro será con Dores Tembrás, escritora,  a finais do mes de abril no que falaremos sobre a obra “Adios María”. Paralelamente levaremos a cabo un Cineclube, con películas, curtas ou documentais relacionados coa obra, moderado por Juan José Bueno Aguilar, profesor da facultade. O Clube conta coa colaboración de Patricia Carballal Miñán e Iria Sobrino Freire, profesoras do centro,  e Francisco X. Fernández Naval, escritor.