Formacións con café

Dispós de 15 minutos? Convidámoste a un café ou té e a unha formación. Grupos reducidos. Nesta ocasión faremos unha introdución á nova plataforma de Refworks. Como xa sabedes trátase do xestor bibliográfico contraado pola UDC, que nos permite:

  • Importar rexistros bibliográficos dende as distintas fontes de información (Dialnet, Eric, Psyinfo, Pubmed, Scopus, Web of Science, web…)
  • Inserir rexistros manualmente (inclúe ferramenta de descubrimento para autocompletar campos, Summon).
  • Subir documentos en pdf directamente –> captura metadatos.
  • Crear, xestionar carpetas e compartilas con colegas
  • Engadir todos os arquivos e notas que desexemos ás nosas referencias
  • Xerar citas e bibliografía automaticamente dende word e dende googledrive
  • Exportar as referencias a outros xestores (Endnote, Mendeley) ou a outros recursos como Orcid, ResearcherId ou Suxi. E importar rexistros dende outros xestores e outros recursos como Orcid ou ResearcherId.

Refworks conta agora cunha nova plataforma, moito máis amigable e intuitiva. Actualmente conviven as dúas versións, mais no 2018 está prevista a migración forzada á nova. Se traballas habitualmente coa antiga, non hai problema, podes exportar todo o que tes, e se non a coñeces ou non a probaches aínda, este é o momento de comezar. Axudámoste, vén á nosa formación do 22 e convidámoste a un café ao tempo que a coñeces e resolvemos a túas dúbidas. Apúntate na Biblioteca.

AULA Ci2: Plano de formación en competencias informacionais da Biblioteca da Facultade de Ciencias da Educación

Consulta o noso Plano de formación en Competencias Informacionais Aula Ci2 e elixe a opción que melor se adapte ás túas necesidades.

Aula CI2-A. Curso semipresencial paralelo ás matérias docentes. Formación gradual en varias fases: Grao e TFG e TFM, seguindo os níveis de competencia dixital estabelecidos por Rebiun no DIGCOMP. Comezarán paralelos.
Aula CI2PAS. Seminario de formación para PAS do centro, especialmente indicado para aquel que traballa na UADI.
Aula CI2-D. Seminarios de formación para PDI e alumnado de doutoramento, semipresencial, que se desenvolverán ao longo do ano académico, en grupos reducidos.
Aula CI2-I. Individualizada. Asesoramento directo e individual para PDI e alumnado de doutoramento.

 

Cursos de apoio para prepración do TFG

Nova edición do curso Habilidades para a procura, xestión e comunicación da información para a realización dun TFG.

Semipresencial: 3 horas de preparación práctica e seguemento complementario a través da plataforma Moodle, coa contrasinal bibliotecaeducacion: TFG e TFM: buscar e xestionar a información

Prazo e lugar de matrícula: ata o 29 de xaneiro, na Biblioteca da facultade de Ciencias da Educación. Horarios (elexir quenda): Quenda de mañán (10-13 h): 31 de xaneiro ou 10 de febreiro Quenda de tarde (18-21 h): 31 de xaneiro ou 2 de febreiro Lugar de realización: Aula multimedia.

Ver o programa completo do curso.

 

III Edición do curso “Estratexias para incrementar a visibilidade e o impacto dos resultados da investigación”

Nova convocatoria do curso “Estratexias para incrementar a visibilidade e o impacto dos resultados da investigación”, impartido polo Servizo de Biblioteca Universitaria e as bibliotecas dos centros, en colaboración co CUFIE. O curso é semipresencial, un total de 12 horas (8 horas teóricas a través da plataforma Moodle e 4 horas de prácticas en obradoiros presenciais nas bibliotecas dos centros. Información e inscripción.

Na Facultade de Ciencias da educación realizaron a primeira edición 8 docentes e na segunda 10 e 6 alumnas/os de doutoramento.

Cada participante rematará a sesión co seu perfil creado en ORCID e con todas as súas publicacións engadidas, perfís unificados en Scopus, Researcher Id, correccións en Dialnet, etc. Tamén depositará algúns dos seus documentos no RUC, analizando os tipos de licencias a aplicar en cada caso. Outro aspecto a tratar son algunhas recomendacións para publicar con impacto en revistas científicas. Recomendámosvos a súa realización. O prazo remata o 15 de xaneiro, as prazas son limitadas, adxudicadas por orde de inscripción.

Curso sobre manexo de bases de datos e recursos documentais electrónicos para alumnado de doutoramento

cartace-doutoramento-desenvolvemento-psicoloxico-peqO 13 de decembro impartiremos un curso sobre manexo de bases de datos e recursos documentais electrónicos para alumnado do programa oficial de doutoramento en desenvolvemento psicolóxico, aprendizaxe e saúde.

Obxetivos do curso:
1. Coñecer os recursos electrónicos aos que ten acceso a UDC
2. Adquirir habilidades para realizar procuras de información relevante
3. Avaliar e xestionar a información
4. Evitar o plaxio
A formación presencial compleméntase con contidos en Moodle. As sesión presenciais serán de 3 horas e centraranse na parte práctica. Non é preciso estar realizando o doutoramento, o curso é aberto a quen precise ese tipo de formación (alumnado de TFG, TFM…).

Programa:

ONDE E COMO BUSCAR A INFORMACIÓN
a. Analizar a necesidades de información
b. Seleccionar as fontes
c. Interacción co sistema de recuperación. Estratexia de busca.
d. Avaliación da información.
e. Da cita ao texto completo
f. Alertas informativas
XESTIONAR E ORGANIZAR A INFORMACIÓN.
a. Principais xestores bibliográficos
b. Refworks
REDACTAR UN TRABALLO DE INVESTIGACIÓN
a. Evitar plaxio
b. Ética
c. Citar e crear bibliografía
d. Onde publicar?
f. Depositar no RUC

Prazo e lugar de matrí cula: ata o 9 de decembro, na biblioteca. Lugar e data: 13 de decembro, 10-13 h, aula net.

Presentación curso doutoramento 2016/2017 en pdf

Formacións para alumnado de TFG

cartacetfg2016A Biblioteca da Facultade convoca o curso Habilidades para a procura, xestión e comunicación de apoio e orientación na procuras de información sobre un tema en artigos e monografías, na elaboración dunha bibliografía e citas segundo o formato da APA, e na creación de presentacións dinámicas.

É semipresencial con 3 horas presenciais e seguimento do contido xeral a través de Moodle.

Podédesvos matricular ata o 7 de outubro, na biblioteca.

Horarios (elixir un dia 18 ou 19 de utubro e quenda de mañán ou tarde). Serán 3 horas.

  • Quenda de mañá: 11 a 14 h
  • Quenda de tarde:  17 a 20 h

Lugar de realización: Aula net

Ver programa

Presentación en pdf

Cursos de formación en Competencias informacionais da Biblioteca: Comeza con bo pé

cartacecursos2016_2listopComezamos un novo curso no que o alumnado precisará  buscar información en numerosas fontes, citar correctamente e crear bibliografías. Na Biblioteca ofrecemos formación especializada e axeitada a cada necesidade.

  • Visitas guiadas e introdución ao catálogo: Coñeceredes os nosos servizos. os fondos de que dispón a Biblioteca (en papel e electrónicos), aprenderedes a utilizar o catálogo en liña, e a facer unha procura simple de artigos en Dialnet.
    Cando?: martes de 12-12.30 e xoves de 18-19.30. Elixe dia e quenda e reserva a túa praza.
  • Formacións integradas na aula, para alumnado de primeiro, en colaboura con docentes. Aprendémosvos no uso do catálogo e da procura bibliográfica, amosámosvos as principais fontes de información, facendo prácticas nelas.
    Cando? O prazo de solicitude para docentes que queiran que o impartamos ao seu alumnado está aberto.
  • Cursos para alumnado de TFG e TFM. Impártense en duas quendas: primeira quincena de outubro e no mes de febreiro. Estade atentas/os á convocatoria ou pasade xa pola Biblioteca para reservar a vosa praza.Teñen 3 horas de duración presencial e compleméntanse con formación en liña en Moodle.

Contamos ademais con dous cursos completos na plataforma Moodle, aos que podedes acceder como convidadas/os coa contrasinal bibliotecaeducacion.

Tamén ofrecemos formacións á carta, nalgunha base de datos específica ou xestor bibliográfico, na utilización de ferramentas de xestión de imaxes, de creación de presentacións dinámicas, creación de videotitoriais…

cartacecurso2016profes2pContamos cun servizo de asesoramento ao investifigador/a  con formacións específicas para grupos, seminarios prácticos e asesoramento individual, sobre avaliación da produción científica (CNEAI, ACSUG, ANECA), creación dun perfil de investigador/a, xestores bibliográficos, onde publicar con impacto, como depositar no RUC, ferramentas educativas na rede… Elixe o que precises e fala con nós.

2ª Edicion do curso “Estratexias para incrementar a visibilidade e o impacto dos resultados da investigación”

POSTER A4 (2)Despois do éxito da primeira edición, o CUFIE e o Servizo de Biblioteca Universitaria e as bibliotecas dos centros, ofertamos o curso semipresencial “Estratexias para incrementar a visibilidade e o impacto dos resultados da investigación“, destinado a persoal docente (PDI) e alumnado de doutoramento da Universidade da Coruña. Trátase dun curso semipresencial, cun total de 12 horas (8 en Moodle e 4 en obradoiros presenciais nas bibliotecas de centro.

Os obxectivos do curso:

  • Motivar ao profesorado da UDC a ter unha presenza profesional activa na rede que reflicta de forma precisa as súas actividades e investigacións.
  • Promover o uso de boas prácticas á hora de crear unha identidade inequívoca como autores e investigadores.
  • Informar aos investigadores dos recursos específicos para a creación de perfís identificativos que faciliten a súa visibilidade nas bases de datos e na rede.  Facilitar aos investigadores estratexias para a visibilidade das súas publicacións científicas.
  • Traballar de forma práctica na creación de perfís e estratexias de visibilidade nos obradoiros.

orcidA Vicereitoría de Política Científica, Investigación e Transferencia enviou hoxe un comunicado a todo o PDI coa importancia de ter creado un perfil de investigación en ORCID, coa finalidade de dar unha maior visibilidade á súa produción científica. Trátase tamén, dunha referencia que xa se solicita á hora de publicar en moitas revistas científicas e en moitas axudas de investigación.

Neste curso tamén se darán estratexias para publicar con impacto, tratarase do tema do aceso aberto e as avantaxes de depositar nos Repositorios dixitais, e falarase redes científicas existentes para promocionar os traballos.

Prazo de matrícula: ata o 16 de marzo
Parte teórica: do 11 de abril – 8 de maio
Parte práctica: do 9 de maio ao 3 de xuño (acordarase con cada Biblioteca de centro)

Tedes aquí a informacion

 Formulario de inscrición

 

CURSOS DE AXUDA PARA ELABORACIÓN TFG

Ugg & Lee - Meta Data

Ugg & Lee – Meta Data

Durante os meses de febreiro e marzo realizarase a V edición das xornadas de Habilidades para a procura, xestión e comunicación da información para a realización dun TFG impartidas por persoal da Biblioteca da Facultade de Ciencias da Educación. A formación será semipresencial, con 3 horas de aulas, nas que se aprenderá a facer unha procura bibliográfica e a traballar cos resultados nun xestor de referencias bibliográficas, autilización das citas e a creación dunha bibliografía. Complementarase con información e traballo a través da plataforma Moodle. Horarios de mañán e de tarde.

Prazo e lugar de matrícula: ata o 15 de febreiro, na biblioteca.

Horarios (elexir un dia e quenda). Serán 3 horas.

Quenda de mañán: 19 e 26 febreiro de 11 a 14 h

Quenda de tarde:  25 de febreiro e 3 marzo de 18 a 21 h

Lugar de realización: Aula net

Os cursos derán impartidos por Inma Doval Porto (quenda de mañán) e Chus García García (quenda de tarde), bibliotecarias.