Formacións con café

Dispós de 15 minutos? Convidámoste a un café ou té e a unha formación. Grupos reducidos. Nesta ocasión faremos unha introdución á nova plataforma de Refworks. Como xa sabedes trátase do xestor bibliográfico contraado pola UDC, que nos permite:

  • Importar rexistros bibliográficos dende as distintas fontes de información (Dialnet, Eric, Psyinfo, Pubmed, Scopus, Web of Science, web…)
  • Inserir rexistros manualmente (inclúe ferramenta de descubrimento para autocompletar campos, Summon).
  • Subir documentos en pdf directamente –> captura metadatos.
  • Crear, xestionar carpetas e compartilas con colegas
  • Engadir todos os arquivos e notas que desexemos ás nosas referencias
  • Xerar citas e bibliografía automaticamente dende word e dende googledrive
  • Exportar as referencias a outros xestores (Endnote, Mendeley) ou a outros recursos como Orcid, ResearcherId ou Suxi. E importar rexistros dende outros xestores e outros recursos como Orcid ou ResearcherId.

Refworks conta agora cunha nova plataforma, moito máis amigable e intuitiva. Actualmente conviven as dúas versións, mais no 2018 está prevista a migración forzada á nova. Se traballas habitualmente coa antiga, non hai problema, podes exportar todo o que tes, e se non a coñeces ou non a probaches aínda, este é o momento de comezar. Axudámoste, vén á nosa formación do 22 e convidámoste a un café ao tempo que a coñeces e resolvemos a túas dúbidas. Apúntate na Biblioteca.

“O poder dos detalles”, de María Berini Pita da Veiga

Durante os meses de maio e xuño podedes visitar no Recuncho de lectura a exposición “O poder dos detalles“, de María Berini Pita da Veiga.

María é licenciada en dereito pola UDC e actualmente está realizando o Grao en Educación Primaria na nosa Facultade. Adestradora de tenis, traballa con colectivos de persoas con discapacidade intelectual e en risco de exclusión social, colaborando tamén como mestra no centro de formación Violetas de Cáritas (A Coruña).

Unha das súas paixóns é a fotografía, á que entrega parte do seu tempo de lecer. Cóntanos ela mesma: “A fotografía é unha afección herdada do meu pai e do meu avó. Estando aínda máis lonxe da profesionalidade, desfruto do proceso de aprendizaxe no que estou somerxida, tratando de mellorar día a día tanto tecnica como artisticamente”. Como xurde esta mostra?, María di que foi algo expontáneo, depois de ollar todas as súas fotografías reparou en que a meirande parte delas eran detalles dun obxecto ou espazo maior, e que nese franmento estaba recollida toda a emoción e expresividade que procuraba.

Nelas podemos facer un percorrido por detalles de Galicia, París, Porto ou Pamplona… Todas tiradas en modo manual e sen apenas retoque dixital.

©María Berini Pita da Veiga

No 2017 acadou o promio do público no V Concurso de Fotografía “Románico Digital”, pola súa obra  “Reflejo de otoño” Monasterio de Melón (Ourense).

Publica na revista en liña cultural A Revolta, na que ten varias entradas sobre Galicia e as súas lendas, con texto e imaxes.

Tamén podedes visitar o seu blogue no que fai reflexións sobre as pertos relacionados coa arte, a cultura e as viaxes, e no qeu hai un enlace que nos leva a algunha das súas imaxes fotográficas.

AULA Ci2: Plano de formación en competencias informacionais da Biblioteca da Facultade de Ciencias da Educación

Consulta o noso Plano de formación en Competencias Informacionais Aula Ci2 e elixe a opción que melor se adapte ás túas necesidades.

Aula CI2-A. Curso semipresencial paralelo ás matérias docentes. Formación gradual en varias fases: Grao e TFG e TFM, seguindo os níveis de competencia dixital estabelecidos por Rebiun no DIGCOMP. Comezarán paralelos.
Aula CI2PAS. Seminario de formación para PAS do centro, especialmente indicado para aquel que traballa na UADI.
Aula CI2-D. Seminarios de formación para PDI e alumnado de doutoramento, semipresencial, que se desenvolverán ao longo do ano académico, en grupos reducidos.
Aula CI2-I. Individualizada. Asesoramento directo e individual para PDI e alumnado de doutoramento.

 

“Un cuarto de revelado propio”

Durante o mes de marzo pódese visitar no Recuncho de lectura da Biblioteca a exposición “Un cuarto de revelado propio“, de Nina Corredoira. A mostra percorre a vida e obra dalgunhas das mulleres máis salientables na historia da fotografía internacional. A selección, realizada por Nina, abrangue dende o comezo da fotografía ata a época de entreguerras e inclúe a Julia Margaret Cameron, Francis Benjamin Johnson, Gertrude Käsebier, Hanna Höch, Gertrud Arndt, Florence Henri, Lucia Moholy, Grete Stern e Claude Cahun, moitas delas invisibilizadas pola sociedade da época e pola historia da arte contemporánea. Non se trata dunha exposición exhaustiva, as mulleres fotógrafas moitas veces descoñecidas son moitas, e só algunhas pasaron á historia. Tamén reseña ás galegas Cándida Otero, Antonia Santos e María Cecilia Cardarelly Bousquets, tamén esquecidas pola historia. Antonia Santos tivo estudo en Mondoñedo e hoxe é lembrada polas fotografías que realizou sobre o carlismo. De María Cardarelly sábese que montou o seu estudo na casa familiar de Compostela con tan só 19 anos, aínda que actualmente só chegaron tres retratos, un deles de Rosalía de Castro. Polo que se refire a Cándida Otero coñécese que, xunto ao seu home Felipe Prósperi, exerceu como fotógrafa en Vigo, tendo ambos en exclusiva o sistema de positivado “marfilotipia”. O venres, 17 ás 11h, Nina falará sobre todas elas e sobre a pegada tantos anos borrada que deixaron no mundo da arte. Nina Corredoira é alumna na nosa facultade, bolseira na Biblioteca e afeccionada á fotografía, gostando especialmente da realización de retratos.

Paralela á exposición de cartaces pódese ver unha mostra bibliográfica nas vitrinas da biblioteca para achegarmos ao mundo artístico da época na que viviron as nosas protagonistas. Enmárcase dentro das actividades da Biblioteca en conmemoración do día da muller.

Galgo. A beleza da fraxilidade, exposición de Víctor Arufe Giráldez

Galgo. A beleza da fraxilidade,
exposición fotográfica de Víctor Arufe Giráldez.
do 26 de xaneiro ao 28 de febreiro, no Recuncho de lectura da Biblioteca.

“Son as fotografías de Victor Arufe unha documentación sobre a vida dos galgos. Amósanse co carácter didáctico de quen se implica honestamente nun mundo que fai seu e que quere partillar. Tan seu que aparece un certo carácter de humanización dos cánidos a través da técnica do retrato por unha banda, cun esforzo importante en descifrar o xeito de sentir de cada can, e pola outra da reportaxe que quere ensinar o xeito de vida e as relacións cotiás con outros conxéneres. Prescinde intencionadamente da presencia humana, que tan só se adiviña nos reflexos das pupilas e pouco máis, e localiza as súas tomas en contornas naturais onde area e auga centran a interese nos modelos e a súa actividade favorita, a carreira.
Os desenfoques selectivos e a limpeza das imaxes nos achegan aos individuos, mentres que o uso de obxetivos máis longos e as grandes velocidades de obturación que permite as condicións de iluminación (e a tecnoloxía dixital) transmiten todo o dinamismo que os caracteriza. Noutras ocasións apóiase na edición dixital, que lle facilita amosarmos os seus frecuentes momentos de descanso” (Xacobe Meléndrez Fassbender).

A mostra inaugúrase o 26 de xaneiro ás 12.30 no Recuncho de lectura da Biblioteca, onde se poderá visitar ata finais de febreiro.  Contará coa presencia do autor, que virá acompanhado de Khaleessi, a súa galga, nunha proposta educativa de sensibilización de cara á protección e contra o maltrato de galgas e galgos. Tamén nos acompañará unha persoa voluntaria da asciación SOSgalgos, que nos falará da función que eles realizan.

Os galgos son frecuentemente maltratados e abandonados, entre febreiro e xuño un 30% dos animais recollidos por asociacións son galgos. A razón é que moitos cazadores os utilizan e despois, se non obteñen os rendementos esperados e xan non lles son útis, os maltratan, ás veces incluso ata a morte. Trátase dunha práctica moi común, especialmente nalgunhas comunidades como Castilla-La Macha, Castilla-León, Andalucía ou Extremadura, para a que non existe unha protección e seguemento por parte das autoridades, nin hai control das crueldades ás que son sometidos. A asociación SOSgalgos fala na súa web de que cada ano, en España, “ decenas de miles de galgos son aforcados, tirados a pozos e gavias”.

No ámbito profesional, Víctor Arufe é doctor en Ciencias da Actividade Física e o Deporte pola Universidad de A Coruña. É  editor xefe da Revista Científica Sportis Scientific Technical Journal e organiza e participa en numerosos congresos nacionais e internacionais. Ten un blog, “Educación, innovación y empredimiento” no que analiza a situación actual do ensino e publica reflexións persoais sobre aspectos relacionados coa educación, a infancia, as TICs ou deporte.

Cursos de apoio para prepración do TFG

Nova edición do curso Habilidades para a procura, xestión e comunicación da información para a realización dun TFG.

Semipresencial: 3 horas de preparación práctica e seguemento complementario a través da plataforma Moodle, coa contrasinal bibliotecaeducacion: TFG e TFM: buscar e xestionar a información

Prazo e lugar de matrícula: ata o 29 de xaneiro, na Biblioteca da facultade de Ciencias da Educación. Horarios (elexir quenda): Quenda de mañán (10-13 h): 31 de xaneiro ou 10 de febreiro Quenda de tarde (18-21 h): 31 de xaneiro ou 2 de febreiro Lugar de realización: Aula multimedia.

Ver o programa completo do curso.

 

Novo acceso a bases de datos: PQ Psychology database

Contamos cunha nova base de datos contratada por BUGALICIA (Consorcio de Bibliotecas das Universidades Galegas), Psychology Database. Creada por Proquest, ofrece o acceso a texto completo de recursos de psicoloxía (ademáis de títulos de revistas, working papers, conferencias, vídeos, tablas ou audios). A temática vai dende psicoloxía clínica e social, e abrangue tamén disciplinas relacionadas como xenética, psicoloxía dos negocios, economía, comunicación, criminoloxía, adicción, neuroloxía, benestar social, etc. A lingua de consulta da base de datos é en inglés. A plataforma é a mesma que utiliza ERIC e PsycInfo, poidéndose consultar simultaneamente.

Entre os títulos de revistas que se inclúen a texto completo están algunhas das que presentan un alto Factor de Impacto no JCR:

  • The American Journal of Psychiatry
  • Psychotherapy and Psychosomatics
  • The American Journal of Geriatric Psychiatry
  • Development and Psychopathology
  • The Psychological Record

Todas las revistas a texto completo están dadas de alta en SFX, polo tanto as podedes buscar en Pórtico.

Máis información e axuda sobre a base de datos.

Acceso. É preciso estar conectado á rede de investigación da UDC, se vostede accede dende fóra da UDC utilice o acceso remoto.

III Edición do curso “Estratexias para incrementar a visibilidade e o impacto dos resultados da investigación”

Nova convocatoria do curso “Estratexias para incrementar a visibilidade e o impacto dos resultados da investigación”, impartido polo Servizo de Biblioteca Universitaria e as bibliotecas dos centros, en colaboración co CUFIE. O curso é semipresencial, un total de 12 horas (8 horas teóricas a través da plataforma Moodle e 4 horas de prácticas en obradoiros presenciais nas bibliotecas dos centros. Información e inscripción.

Na Facultade de Ciencias da educación realizaron a primeira edición 8 docentes e na segunda 10 e 6 alumnas/os de doutoramento.

Cada participante rematará a sesión co seu perfil creado en ORCID e con todas as súas publicacións engadidas, perfís unificados en Scopus, Researcher Id, correccións en Dialnet, etc. Tamén depositará algúns dos seus documentos no RUC, analizando os tipos de licencias a aplicar en cada caso. Outro aspecto a tratar son algunhas recomendacións para publicar con impacto en revistas científicas. Recomendámosvos a súa realización. O prazo remata o 15 de xaneiro, as prazas son limitadas, adxudicadas por orde de inscripción.

Curso sobre manexo de bases de datos e recursos documentais electrónicos para alumnado de doutoramento

cartace-doutoramento-desenvolvemento-psicoloxico-peqO 13 de decembro impartiremos un curso sobre manexo de bases de datos e recursos documentais electrónicos para alumnado do programa oficial de doutoramento en desenvolvemento psicolóxico, aprendizaxe e saúde.

Obxetivos do curso:
1. Coñecer os recursos electrónicos aos que ten acceso a UDC
2. Adquirir habilidades para realizar procuras de información relevante
3. Avaliar e xestionar a información
4. Evitar o plaxio
A formación presencial compleméntase con contidos en Moodle. As sesión presenciais serán de 3 horas e centraranse na parte práctica. Non é preciso estar realizando o doutoramento, o curso é aberto a quen precise ese tipo de formación (alumnado de TFG, TFM…).

Programa:

ONDE E COMO BUSCAR A INFORMACIÓN
a. Analizar a necesidades de información
b. Seleccionar as fontes
c. Interacción co sistema de recuperación. Estratexia de busca.
d. Avaliación da información.
e. Da cita ao texto completo
f. Alertas informativas
XESTIONAR E ORGANIZAR A INFORMACIÓN.
a. Principais xestores bibliográficos
b. Refworks
REDACTAR UN TRABALLO DE INVESTIGACIÓN
a. Evitar plaxio
b. Ética
c. Citar e crear bibliografía
d. Onde publicar?
f. Depositar no RUC

Prazo e lugar de matrí cula: ata o 9 de decembro, na biblioteca. Lugar e data: 13 de decembro, 10-13 h, aula net.

Presentación curso doutoramento 2016/2017 en pdf