Exposición “Pensando cos pés” de Noemí Lorenzo Pérez

Pensando cos pés forma parte dunha mostra máis ampla que Noemí Lorenzo Pérez realizou co patrocinio do Colexio Oficial de Podólogos de Galicia (COPOGA) para conmemorar o seu XX aniversario, e que foi exposta na Galería Sargadelos de Ourense e no MIHL de Lugo no 2017.

A proposta nace a partires do traballo fotográfico de pés nus, libres de todo accesorio.  En palabras da autora: “Quixen facer uns debuxos que nos achegasen directamente a eles, ós pés, sen outra interrupción visual, nun formato próximo ás imaxes xurdidas dun fotomatón. Deste xeito, ademáis de pór en valor as nosas extremidades inferiores, pretendía crear un momento de intimidade entre o público e a peza, tentando provocar unha reflexión no primeiro”.

Posteriormente ás tomas fotográficas realiza apuntes a lapis e vai tirando moldes dos pés a escala real nuns casos en resina de poliéster transparente, noutros en escaiola e resina de poliuretano. Utilizou pintura dourada para xogar coa idea de ouro como valor económico.

Realiza ademais unha serie de debuxos en tinta chinesa sobre papel de poliéster do pé en movemento.

Nesa primeira mostra presentaba unha peza dos seus pés, aberta á colaboración do público, coa intencion de que fora este quen a concluíra. “Eles xeran o ritmo da parte que vai na parede e se prolonga un anaco ó chan, onde debe ser rematada coas pisadas do calzado da xente que visite a sala. Os restos de po que cadaquén trae nos zapatos deixan un rastro de pegadas cun ritmo máis aleatorio, que contrasta coa formalidade da parte suspendida no muro. As luces e sombras xéranse pola mestura de diferentes pisadas con diferente carga matérica, creando cadencias con zonas luz e sombra.”

Nesta ocasión amosa unha selección daquelas pezas: o díptico Con bos pés, realizado en óleo con tinta fluorescente sobre lenzo; unha serie en grafito e lapis acurelable sobre papel de poliéster; e unha colección de pequenas esculturas en resina transparente sobre fondo dourado.

Os pés teñen unha longa tradición simbólica na arte con valores relixiosos, mitolóxicos ou incluso fetichistas, nus ou calzados, son a parte da anatomía que relaciona o mundo inferior (do inframundo) co terrestre. Aquiles tiña un punto débil, o seu talón dereito, polo que o agarrou a súa nai, Tetis, cando o mergullou no lago de Estigia para facelo inmortal; os pés de Hermes ou Mercurio teñen as xa que el é o mensaxeiro dos deuses; os pés de Cristo aparecen nús, e na cruz con cravos representativos da dor; no templo de Éfeso a cabeza de Ártemis aparece xunto á planta dun pé;  Sérapis e Isis tamén teñen a súa iconografía unida aos pés, como outros deuses e deusa exipcios; tamén este extremidade é utilizada en moitos exvotos; temos pegadas na arte rupestre, tanto na Península como en Ibero-América (Cuevas de Oxkutzcab en México, escritura maia, etc.) (Rodríguez Oliva, 1987). Na Biblia os pés teñen gran importancia, Xesús lava os pés aos seus discípulos como vemos tamén en numerosas pinturas renacentistas e barrocas. E xa na arte contemporánea temos os pés das bailarinas de Degás ou os debuxos de Egon Schiele, entre outras obras (Villaverde Solar, 2008).

Noemí Pérez Lorenzo é doutora en Belas Artes pola Universidade de Vigo e titulada no VII Mestrado sobre Obra Gráfica do Centro Internacional para a Estampa Contemporánea (CIEC, Betanzos, A Coruña).Ten realizado numeroas exposicións individuais e colectivas.

Rodríguez Oliva, P. (1987). Representación de pies en el arte antiguo de los territorios malacitanos. Baética: Estudios De Arte, Geografía E Historia, (10), 189-210.

Villaverde Solar, M. D. (2008). La representación de los pies en el arte moderno y contemporáneo: Su valor iconográfico, simbólico y compositivo. Revista Internacional De Ciencias Podológicas, 2(1), 27-38.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *