Sala Elvira Bao

A Biblioteca inaugurou onte unha nova sala para realizar traballos en grupo, a Sala Elvira Bao. Dedicamos esta sala a Elvira Bao Maceiras, mestra republicana que amosou sempre  un forte compromiso coa educación, a sociedade, o país e a lingua. Pertenceu ao Partido Galeguista, a Agrupación Republicana Feminina da Coruña e foi secretaria da Xunta directiva de Irmandade da Fala Coruñesa, formando parte ademais do seu Cadro de Declamación. Represaliada no 36 foi separada definitivamente do Maxisterio despois de pasar un tempo no cárcere.

No acto inaugural Uxío Breogán Diéguez Cequiel, doutor en historia contemporánea pola Universitat de Barcelona e profesor no noso centro, falounos de Elvira Bao e as Irmandades da Fala, nun encontro entrañable ao que tamén asistiu a familia de Elvira Bao: a súa filla Elvira Varela Bao, o seu neto Arturo e a súa compañeira María. Elvira Varela relatounos algunhas lembranzas do tempo no que impartían aulas nas Colonias Escolares do Sanatorio Marítimo de Oza, ou de cando os falanxistas chamaban á súa porta.