Espazos da Biblioteca

A Biblioteca conta con varios espazos en libre acceso distribuidos en dous andares. Ademais da sala xeral de consulta e préstamo, e da Hemeroteca (na que podedes consultar as revistas) dispoñemos de pquenos lugares para un traballo máis específico individual ou colectivo:

Sala Elvira Bao e Sala María Barbeito para traballos en grupo. Levan o nome de dúas mestras, innovadoras e defensoras do ensino público. Estes espazos requiren reserva previa no mostrador da entrada. Contan cada unha con 12 postos de traballo. A sala Elvira Bao ten tamén unha parede que se pode utilizar como taboleiro para escribir con xiz, e a sala María Barbeito 4 ordenadores conectados á rede e un escáner.

  • Espazo de cine Chano Piñeiro. Dedicado a un creador de cine que loitou porque o cine galego se realizara na propia lingua e ocupara o lugar que lle corresponde, artista que nos deixou moi novo. Conta cunha colección de material audiovisual variado, no que está a colección de cine, dispoñible para préstamo. Tamén  dispón de catro cabinas para estudo individual.
    Recuncho de lectura Xohana Torres. Un nome para a historia da literatura, mais tamén para a do feminismo e a lingua galega. Ela foi poeta, dramaturga e narradora, e hoxe ten un pequeno lugar na nosa Biblioteca.  Espazo para lectura de lecer, con tranquilidade, e tamén para a realización de actividades culturais organizadas pola Biblioteca e por membros da comunidade universitaria do centro. Conta cun mobiliario cómodo e cálido e cunha pantalla de proxección.