Exposición de gravado de Omar Kessel

© Xacobe Meléndrez Fassbender

Dentro das actividades programadas para este trimestre está a exposición de gravado de Omar Kessel, artista cubano que reside actualmente en Galicia. A mostra estará no recuncho de lectura “Xohana Torres” dende finais de setembro.

Omar Kessel é graduado en Belas Artes pola Universidad de La Haba-na, e actualmente é profesor no Centro Internacional da Estampa Contemporánea (CIEC). É mebro da Unión Nacional de Escritores e Artistas de Cuba (UNEAC) e doTaller Experimental de Gráfica da Habana. (TEGH).  En Cuba foi profesor de debuxo e pintura en Matanzas e La Habana. Actualmente imparte tamén cursos no Museo de Belas Artes da Coruña, así como en distintas universidades e institucións académicas. Ten acadado numerosos premios e realizado exposicións individuais en varios países, así como participado en exposicións colectivas internacionais.

Pintura, debuxo, litografía, maneira negra, punta seca, augaforte e augatinta, talla, cerámica… son as artes nas que adoita traballar, creando obras de gran complexidade técnica. Omar é un virtuoso do debuxo, ben en papel ou ben en pedra, madeira ou metal. Nas súas obras predominan as cores cálidas, os ocres nas representacións de campesiños, os vermellos dos cabelos das mulleres, laranxas e amarelos nas froitas tropicais, en moitas ocasións cun forte contraste co azul que emprega nos panos e teas. Plenamente figurativa, a súa obra está dominada polas representacións femininas, que aparecen entre froitas, árbores e animais, núas ou cubertas con delicados veos, coma a deusa creadora e, dadora de vida Yemayá, en ocasións observadas por ollos que esculcan na escuridade, nunha evocación á súa terra natal.  Pero tamén hai referencias na súa obra ás pinturas negras de Goya ou a algúns dos seus gravados, nalgunhas representacións grotescas dos rostros dos vellos, ou nesas esceas entre ensoñacións e maxia. Os títulos das obras tráenos boleros e sons cubanos, que sempre o acompañan mentres debuxa e pinta.

Nesta mostra podemos ver unha pequena selección da súa obra en papel, realizada nos últimos anos.

O mércores 27 de setembro quedou inaugurada a exposición, na que Omar nos achegou ás distintas técnicas de gravado a través da súa obra. Acompañáronnos Roberto Suárez Brandariz e parte do seu alumnado, que tiveron ocasión de coñecer a súa creación mediante un fluído diálogo. Agradecemos a Omar o préstamos das súas obras para que o alumnado universitario poida ter un contacto directo coa arte.