“Un cuarto de revelado propio”

Durante o mes de marzo pódese visitar no Recuncho de lectura da Biblioteca a exposición “Un cuarto de revelado propio“, de Nina Corredoira. A mostra percorre a vida e obra dalgunhas das mulleres máis salientables na historia da fotografía internacional. A selección, realizada por Nina, abrangue dende o comezo da fotografía ata a época de entreguerras e inclúe a Julia Margaret Cameron, Francis Benjamin Johnson, Gertrude Käsebier, Hanna Höch, Gertrud Arndt, Florence Henri, Lucia Moholy, Grete Stern e Claude Cahun, moitas delas invisibilizadas pola sociedade da época e pola historia da arte contemporánea. Non se trata dunha exposición exhaustiva, as mulleres fotógrafas moitas veces descoñecidas son moitas, e só algunhas pasaron á historia. Tamén reseña ás galegas Cándida Otero, Antonia Santos e María Cecilia Cardarelly Bousquets, tamén esquecidas pola historia. Antonia Santos tivo estudo en Mondoñedo e hoxe é lembrada polas fotografías que realizou sobre o carlismo. De María Cardarelly sábese que montou o seu estudo na casa familiar de Compostela con tan só 19 anos, aínda que actualmente só chegaron tres retratos, un deles de Rosalía de Castro. Polo que se refire a Cándida Otero coñécese que, xunto ao seu home Felipe Prósperi, exerceu como fotógrafa en Vigo, tendo ambos en exclusiva o sistema de positivado “marfilotipia”. O venres, 17 ás 11h, Nina falará sobre todas elas e sobre a pegada tantos anos borrada que deixaron no mundo da arte. Nina Corredoira é alumna na nosa facultade, bolseira na Biblioteca e afeccionada á fotografía, gostando especialmente da realización de retratos.

Paralela á exposición de cartaces pódese ver unha mostra bibliográfica nas vitrinas da biblioteca para achegarmos ao mundo artístico da época na que viviron as nosas protagonistas. Enmárcase dentro das actividades da Biblioteca en conmemoración do día da muller.